O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e o deputado provincial, Jorge Cubela, visitaron hoxe as instalacións

A Xunta e a Deputación de Pontevedra impulsan un programa de actividades culturais no centro penitenciario da Lama

Con esta iniciativa apóstase pola cultura como unha ferramenta máis para avanzar na reinserción social das persoas internas

A Lama (Pontevedra), 25 de febreiro do 2026

 O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, destacou hoxe a importancia de fortalecer a cooperación institucional para “garantir que a cultura chegue a todos os ámbitos sociais, en especial a aqueles onde pode ter un impacto transformador máis profundo”. Fíxoo durante unha visita ao Centro Penitenciario da Lama para coñecer as propostas de cine, teatro, literatura, artes plásticas ou música para persoas internas, e na que estivo acompañado do alcalde de Cerdedo-Cotobade e deputado provincial, Jorge Cubela.

Este programa cultural, que leva por nome A cultura abre camiños á liberdade, é froito da colaboración entre o ente autonómico e a Deputación de Pontevedra e está dirixido, en concreto, a internos do módulo Nelson Mandela, onde se lles prepara para a vida en liberdade. Esta iniciativa tradúcese na programación dunha representación teatral, da man da compañía Malasombra, así como na proxección da película +Cuñados, de Luís Avilés.

O proxecto Nelson Mandela implantouse no centro da Lama no ano 2019 e está baseado na experiencia no centro de Teixeiro, onde leva en funcionamento 18 anos. Este modelo pioneiro de preparación para a liberdade está impulsado pola Xunta e pola Secretaría de Estado de Institucións Penitenciarias, e os seus bos resultados convérteno nun referente en España e en Europa.

Perfecto Rodríguez explicou que o obxectivo desta iniciativa de inclusión social e facilitar a reinserción dos internos a través da formación, o apoio social e a mellora de habilidades persoais e profesionais. Para levar a cabo este programa, a Xunta conta con dous equipos técnicos de inclusión social, formados por catro profesionais dedicados por enteiro ao traballo con estes internos.

Para levar a cabo este programa, que se desenvolve no marco da Estratexia de Inclusión Social de Galicia 2023-2030 e está cofinanciado pola Unión Europea (UE) ao abeiro do programa FSE+Galicia 2021-2027, a Xunta conta con dous equipos técnicos de inclusión social dedicados por enteiro ao traballo con estes internos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/02/2026