A Xunta entrega os premios do Certame de Poesía Infantil de Nadal da Biblioteca Pública de Lugo
Á fase final concorreron os case 100 traballos que resultaron gañadores das convocatorias locais desenvolvidas en 13 bibliotecas da provincia
Lugo, 25 de febreiro de 2026
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude entregou hoxe os premios do Certame de Poesía Infantil de Nadal que organiza a Biblioteca Pública de Lugo en colaboración con outras bibliotecas da provincia.
En concreto, na presente edición participaron 13 bibliotecas, que organizaron as súas respectivas fases locais e designaron en total 96 gañadores para a final provincial. O certame estrutúrase en tres categorías por grupos de idade -ata os 16 anos-, e concedéronse tres premios en cada unha ademais de seis accésits.
No listado definitivo de vencedores figuran cinco participantes de Lugo; Burela, Antas de Ulla e Outeiro de Rei contan con dous representantes en cada caso, e os demais proceden das bibliotecas de Xermade, Barreiros, Monterroso e Sarria. Os premios consistiron nun lote de libros, unha figura de Sargadelos e un diploma.
O xurado da fase provincial estivo formado por Águeda Valín, xefa do Servizo de Coordinación Cultural da Xunta en Lugo; María Isabel Pérez Fórneas, directora da Biblioteca Pública de Lugo, a técnica do centro Isabel Vázquez Pérez, a actriz e dramaturga Ana Carreira e o xornalista Xulio Xiz, que actuou como secretario.