A delegada de Xunta visitou hoxe o concello de Tordoia para supervisar as melloras realizadas no acceso a Andoio
Belén do Campo anima aos concellos a solicitar as axudas do Plan Camiña Rural que ten o prazo aberto ata o 5 de marzo e conta cun investimento de 19M€
A delegada da Xunta informou que a orde financia actuacións de ampliación ou mellora dos camiños que formen parte da rede viaria de acceso a unha ou a varias entidades de poboación
A representante do Goberno autonómico salientou a importancia desta medida, xa que os camiños rurais “vertebran o territorio e son claves na dinamización social e económica do agro”
Tordoia (A Coruña), 26 de febreiro de 2026
A delegada da Xunta da Coruña, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Tordoia, Antonio Pereiro, comprobou esta mañá as obras de mellora de camiños realizadas ao abeiro do Plan Camiña Rural no concello de Tordoia, concretamente as realizadas nos accesos a Andoio, Lestido e o Castiñeiro, que contou cun investimento da Xunta de máis de 76.000 euros na convocatoria 2025-2026.
No que atinxe á provincia da Coruña, na convocatoria 25-26, a delegada destacou que recibiron estas achegas da Consellería de Medio Rural 86 concellos por un importe de máis de 2,8 millóns de euros e concretamente na comarca de Ordes 7 municipios (Frades, Ordes, Oroso, Tordoia, Trazo, Cerceda e Mesía) por un importe total de case 512.000 euros.
Nova orde 26-27
Na visita a delegada animou aos alcaldes a presentar as súas propostas solicitar as axudas da nova convocatoria 2026-2027 que ten o prazo aberto ata o próximo xoves, 5 de marzo e que está dotada con preto de 19 millóns de euros en concorrencia no competitiva.
A representante do Goberno autonómico informou que os beneficiarios son todos os concellos de Galicia. Financiaranse as actuacións de ampliación ou mellora dos camiños que formen parte da rede viaria de acceso a unha ou a varias entidades de poboación. Considérase “rede viaria” as propias vías do asentamento e as que conecten entidades de poboación entre si ou coa rede principal.
Os labores subvencionables poderán ser de ampliación ou de mellora. No primeiro caso, trátase de intervencións que supoñan un incremento da largura que incidan na mellora da seguranza viaria, permitan o cruce de vehículos ou alargamentos necesarios en zonas de curvas, de baixa visibilidade ou entroncamentos. Ademais, poderán incluír obras de incremento de lonxitude sempre e cando represente rematar nunha estrada ou noutro camiño.
As actuacións de mellora serían aquelas que representen un reforzo do firme existente coa incorporación de novas capas máis axeitadas ás características do tráfico rodado que soportan. Inclúense tamén as obras da drenaxe, da seguranza viaria, reforzo de noiros (con muros ou outras estruturas de contención), adecuación de obras de paso de cursos fluviais e reforzo de cunetas, así como a integración ambiental ou a mellora da sinalización.
Criterios para o reparto das axudas
Estes fondos para os camiños municipais asígnanse para todos os concellos a partir dunha cantidade fixa e se modulan empregando criterios de localización, despoboamento, superficie do concello e un coeficiente de agrariedade, onde se empregan datos de carácter socioeconómico vinculados á actividade agraria, que é a que se prima desde a PAC, e que debe ser o eixe principal da actividade económica no rural.
Por parte de cada concello poderá presentarse ata un máximo de dous proxectos, e cada un deles poderá comprender un máximo de tres actuacións. A estes efectos, enténdese por actuación a intervención sobre un mesmo camiño, ou ben sobre varios, sempre e cando, neste último caso, as obras proxectadas teñan unha continuidade física. O orzamento de execución material de cada unha das actuacións deberá ser igual ou superior a 6.000 euros.
A delegada salientou a importancia desta medida, xa que os camiños rurais “vertebran o territorio e son claves na dinamización social e económica do noso agro”, remarcou. Ao tempo, puxo en valor o traballo realizado nos últimos anos e neste sentido destacou que desde 2016, e cando se completen os traballos da convocatoria de 2025, terase actuado en preto de 6.700 camiños, cunha lonxitude total duns 5.200 quilómetros e un importe de axudas de case 156 millóns de euros en toda Galicia.