María José Gómez destaca que 238 concellos solicitaron xa a súa adhesión ao convenio de xestión da biomasa nas faixas secundarias

A conselleira do Medio Rural púxoo en valor hoxe durante unha xuntanza cos xefes de servizo provinciais e dos 19 distritos forestais

Salientou que a prevención é unha tarefa compartida por administracións e propietarios, e debullou as novidades do acordo, como son o incremento de orzamento ata os 25 millóns anuais ou o reforzo de apoio aos municipios de menos de 10.000 habitantes

Fixo referencia tamén ao aumento do número de parroquias priorizadas, que pasan de 157 a 276, e nas que os particulares teñen a opción de contratar a Seaga para as rozas por un importe de 420 euros por hectárea

Boqueixón (A Coruña), 26 de febreiro de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou que 238 concellos solicitaron xa a súa adhesión ao novo convenio de xestión da biomasa nas faixas secundarias asinado coa empresa pública Seaga, o que supón un 76 % dos 313 municipios cos que conta Galicia. Púxoo en valor hoxe durante unha xuntanza cos xefes de servizo provincias e dos 19 distritos forestais, na que estivo acompañada polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco, e que tivo lugar no Pazo de Quián, en Boqueixón.

Neste sentido, salientou que a prevención é unha tarefa compartida por administracións e propietarios. Así, debullou as importantes novidades que presenta este novo convenio con respecto aos anteriores acordos asinados nesta materia, como é o incremento do orzamento ata os 25 millóns de euros anuais, nos que se inclúe o fondo específico de Limpeza de Faixas dotado con 10 millóns por anualidade.

Co fin de prestar un mellor servizo, optouse por reforzar o apoio aos municipios, especialmente a aqueles de menos de 10.000 habitantes, e a particulares. Neste sentido, promoveranse de forma máis áxil as execucións subsidiarias en zonas de risco de incendio forestal nas que os titulares non cumpran coas súas obrigas.

Seguindo esta liña, aumentáronse o número de parroquias priorizadas, que pasan de 157 a 276, e nas que os particulares teñen a opción de contratar a Seaga para as rozas por un importe de 420 euros por hectárea. Por outra banda, cómpre lembrar que se segue a ofrecer a posibilidade de que esta empresa pública realice execucións subsidiarias de ata 10 hectáreas -por concello e ano- fóra das parroquias priorizadas; así como a limpeza de 12 quilómetros de vías municipais.

Ademais, tamén a través de Seaga, os municipios adheridos poderán dispoñer de axuda para revisar, modificar ou elaborar o plan municipal de prevención e para realizar inspeccións e notificar aos titulares dos predios.

Contrato dos primeiros lotes

A comezos deste ano contratáronse os primeiros lotes de traballo ao abeiro deste novo convenio. Trátase de 12 lotes por un importe de 6 millóns de euros, IVE incluído, que permiten actuar en preto de 1.900 hectáreas, chegando aproximadamente a máis de 37.000 parcelas, naqueles concellos que se sumen ao acordo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/02/2026