Román Rodríguez destaca en Lalín a importancia das feiras de Galicia educa para difundir e poñer en valor as boas prácticas dos centros de ensino

O conselleiro de Educación participa na inauguración da II Feira Educativa de Lalín, co que arranca o calendario das 16 citas apoiadas pola Xunta

Arredor de 1.000 alumnos da comarca coñecerán os proxectos innovadores dos centros participantes na feira lalinense

Lalín (Pontevedra), 27 de febreiro de 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, participou hoxe na inauguración da II Feira Educativa de Lalín, integrada no calendario de feiras Galicia Educa. “Desde o ano pasado desenvolvemos este calendario de citas do ensino que, co apoio da Xunta, difunden e poñen en valor as boas prácticas e traballo que desenvolven os centros educativos”, afirmou o conselleiro.

Durante a súa visita, o conselleiro, que estivo acompañado polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, salientou que estas feiras constitúen unha ferramenta clave de orientación académica e profesional, xa que permiten aos estudantes coñecer de primeira man os distintos itinerarios formativos e as oportunidades que teñen ao seu alcance. Así mesmo, “Galicia Educa funciona como un escaparate do talento e da capacidade innovadora dos centros galegos, ao reunir nun mesmo espazo proxectos pedagóxicos, iniciativas tecnolóxicas e experiencias creativas impulsadas polo profesorado e o alumnado” destacou o titular de Educación.

No curso 2025-2026 o programa Galicia Educa desenvolverá un total de 16 feiras en distintos puntos da comunidade, combinando citas de ámbito autonómico, provincial e comarcal. Como novidade nesta edición incorporarase a Feira CIGUS: O Camiño da Ciencia, orientada a reforzar a divulgación científica e a conexión co sistema universitario. O calendario continuará no próximo mes de marzo coas feiras provinciais de Ourense e Lugo e coa II Feira de Orientación Académica e Profesional de Padrón.

 2ª feira educativa de Lalín

A feira de Lalín reúne dez centros educativos da comarca, que expoñen nos seus stands propostas relacionadas coa ciencia, a arte, o medio ambiente, a tradición e a cultura, reflectindo a diversidade e riqueza do traballo que se desenvolve nas aulas. Ao longo da xornada está prevista a asistencia de preto de 1.000 alumnos, que ademais poderán participar nun programa complementario de actuacións musicais, obradoiros creativos, actividades de animación á lectura, así como talleres de poesía e teatro dirixidos ás distintas etapas educativas.

Román Rodríguez agradeceu a implicación dos equipos directivos, do profesorado e do alumnado participante, e puxo en valor a capacidade do sistema educativo galego para ofrecer unha formación de calidade, innovadora e adaptada aos retos actuais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/02/2026