A Xunta amosa as obras máis recentes de Lluís Hortalà no Centro Galego de Arte Contemporánea

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude enxalza a capacidade do artista para “reproducir visualmente o tacto e mesmo a temperatura da arquitectura”

A mostra, incluída no programa ‘As exposicións de 2026 como motor da Galicia Calidade’ poderá verse ata o 31 de maio

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2026

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou hoxe Ante a Lei, a nova exposición do Centro Galego de Arte Contemporánea que quedará inaugurada esta tarde e na que se exhiben as obras más recentes do artista catalán Lluís Hortalà.

Tal e como explicou o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, esta é unha das 70 propostas incluídas no programa As exposicións de 2026 como motor cultural da Galicia Calidade coas que a Xunta de Galicia busca fomentar o acceso á cultura e contribuír á formación da cidadanía. “Con Ante a Lei ofrecemos unha nova posibilidade para que tanto a sociedade galega como a xente que nos visita se acheguen a este gran referente cultural e turístico que é o Centro Galego de Arte Contemporánea”, apuntou Anxo M. Lorenzo.

Así, a mostra que se pode visitar desde hoxe ata o 31 de maio no centro cultural de Santiago de Compostela reflicte, segundo apuntou o director xeral, “a  pintura realista ata o extremo e o universo kafkiano do artista Lluís Hortalà”. Trátase, engadiu, dunha instalación ideada por capítulos na que cada un deles anuncia e enlaza sucesivamente co seguinte ata trazar un itinerario cronolóxico que convida a inmersión e a reflexión. Deste xeito, o percorrido permite coñecer algúns dos seus últimos traballos, incluíndo os creados ex profeso para o Centro Galego de Arte Contemporánea.

Pintura realista ata o extremo e riqueza de linguaxes

Con respecto da obra de Hortalà, o director xeral de Cultura salientou o uso que fai da “forza simbólica” que posúe a arquitectura á hora de construír o relato expositivo, ao tempo que enxalzou a habilidade que posúe para “levar a pintura realista ata o extremo, capaz de reproducir visualmente o tacto e mesmo, en ocasións, a temperatura fría da arquitectura”, enxalzou.

Do mesmo xeito, salientou a ironía que está presente en moitas das pezas desta obra, ao tempo que puxo en valor “o xogo sobre as aparencias ou a réplica da realidade” coa que traballa, “onde recorre ao  espellismo, a ilusión óptica ou a imitación e o artificio”, precisou. Ademais, tamén gabou a súa riqueza de linguaxes, “que van desde a pintura escultórica, ao debuxo fotográfico sen empregar nunca a fotografía ata a imaxe en movemento”.

Sobre Lluís Hortalà

Hortalà estudou na Escola de Artes e Oficios de Olot e na de Belas Artes de Sant Jordi de Barcelona. Os seus inicios como artista estiveron marcados pola produción escultórica. Tras instalarse en Londres realizou diversas series de paisaxes imaxinarias e iniciou un ciclo de traballos baseados na súa experiencia como alpinista entre 1975 e 1982, período no que participou nunha expedición ao Everest. En 2012, mostrou unha importante selección destes traballos no Centro de Arte y Naturaleza, na Fundación Beulas de Huesca e, en 2015, presentou a exposición Les Temptacions no Museu de Montserrat.

Entre 2014 e 2015 estudou técnicas de pintura antiga, imitación de mármores e madeira, baseadas en procedementos de trompe l’oeil, na academia Van der Kelen-Logelain de Bruxelas. A partir de entón, desenvolveu diversas series que, tomando en consideración a arquitectura e a ornamentación, propoñían unha visión crítica. Estas investigacións adoptaron xeralmente a forma de instalacións, que teñen sido exhibidas en espazos como o Museo Nacional Thyssen-Bornemisza de Madrid ou a Fundació Vila Casas de Barcelona.

A súa obra forma parte de numerosas coleccións públicas e privadas, entre elas as do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía de Madrid ou Museu d’Art Contemporani de Barcelona.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/02/2026