Alumnado do Centro de Formación e Experimentación Agraria Pedro Murias da Xunta complementa a súa docencia teórica con visitas en Ribadeo e a Asturias
En Ribadeo, onde ten a súa sede este CFEA, os estudantes coñeceron unha explotación agrícola en ecolóxico
No caso do Principado, percorreron tamén unha horta ecolóxica, a paisaxe protexida de Cabo de Peñas e o xardín botánico de Xixón
Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2026
Os alumnos do Centro de Formación e Experimentación Agraria Pedro Murias de Ribadeo, adscrito á Consellería do Medio Rural, continúan realizando visitas e actividades docentes complementarias, dentro do seu programa de estudos. Así, ao longo deste mes de febreiro, fixeron cadansúa visita a unha explotación agrícola en ecolóxico no propio municipio de Ribadeo e tamén, con anterioridade, a varios puntos de interese formativo do veciño Principado de Asturias.
En primeiro lugar, a pasada semana, alumnado do Ciclo Medio de Produción Agroecolóxica deste centro, acompañado dos seus mestres, achegouse ata As muiñeiras de Requiande, unha explotación ecolóxica localizada en Ribadeo. A granxa, ademais de dispor de horta con diferentes cultivos, tamén conta cun obradoiro de transformación dos seus produtos, para a súa venda deshidratados, en conserva, fermentados ou como zumes.
A visita, integrada nos módulos de sanidade vexetal, manexo sanitario do agrosistema e implantación de cultivos ecolóxicos, completouse cun pequeno coloquio entre os mozos e a titular da explotación, quen lles explicou o funcionamento do obradoiro como centro compartido que os produtores poden alugar.
Viaxe de estudos a Asturias
En relación coa viaxe de estudos a Asturias, nel participaron un grupo de profesores e case unha vintena de escolares, do devandito Ciclo Medio de Produción Agroecolóxica e tamén do de Aproveitamento e Conservación do Medio Natural. Todos eles puideron coñecer a horta ecolóxica Joyana, situada preto de Avilés, na que o seu propietario lles explicou a historia, o funcionamento e os diferentes produtos cos que traballa.
Ademais, o alumnado visitou a paisaxe protexida de Cabo de Peñas, onde fixo un pequeno percorrido por este espazo natural e coñeceu o seu centro de interpretación. A continuación, achegouse ata o xardín botánico de Xixón, onde un guía amosoulle algunhas das zonas nas que se dividen estas instalacións, así como as principais especies presentes en cada unha delas.
Esta visita a Asturias estivo relacionada cos módulos de fundamentos agronómicos, manexo sanitario do agrosistema, produción vexetal ecolóxica, infraestruturas e instalacións agrícolas, uso público en espazos naturais e aproveitamento do medio natural.
O Pedro Murias de Ribadeo é un dos seis centros de formación e experimentación agraria que dependen da Consellería do Medio Rural. Os outros cinco son os de Guísamo (Bergondo), Becerreá, Sergude (Boqueixón), Monforte de Lemos e Lourizán. Neste curso hai un total de 566 alumnos e alumnas cursando estudos nestes centros, un 9% máis que no anterior. O índice de inserción laboral dos seus estudantes é próximo ao cen por cento.