O director xeral de Cultura inaugurou unha fin de semana de cinema miúdo no Gaiás

A Xunta impulsa o gusto polo audiovisual desde a infancia coa décima edición de ‘Pequefilmes’

Anxo M. Lorenzo sinala a importancia de “espertar o interese polo cinema e a creación desde idades temperás”

As curtas poden verse na Cidade da Cultura desde hoxe ata o domingo con entradas dispoñibles en Ataquilla e no despacho de billetes do Museo Centro Gaiás

Ao longo da fin de semana proxectaranse filmes recoñecidos nalgúns dos festivais máis salientables do mundo, así como a curta ‘Gilbert’, nominada aos Goya este ano

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2026

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na apertura da décima edición do festival de curtametraxes Pequefilmes na Cidade da Cultura, co que a Xunta de Galicia impulsa o gusto polo audiovisual desde a infancia co proxección de máis de 80 películas dunha vintena de países ao longo da fin de semana.

Xunto coa directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, e o director do festival, Jorge Rivero, Anxo M. Lorenzo sinalou a importancia de ofrecer contidos audiovisuais de calidade para o público infantil e xuvenil “cultivando desde idades temperás o gusto polo cinema e o espírito crítico”. Así mesmo, explicou que en Pequefilmes “os nenos e nenas, ademais de espectadores, convértense en xurado ao decidir co seu voto cales serán as curtas galardoadas no evento”.

Por outra banda, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude resaltou tamén que o festival alenta a creación desde a infancia “con dous obradoiros a través dos que a cativada poderá converterse en cineasta por un día”. Así, a cita inclúe na súa programación actividades para experimentar co cinema de sombras chinesas ou crear un zoótropo co que artellar unha curta de animación. As entradas, tanto para os obradoiros como para as proxeccións, están dispoñibles en Ataquilla e no despacho de billetes do Museo Centro Gaiás.

Unha fin de semana de cinema

Pequefilmes conta con sesións distribuídas en tres salas clasificadas por idades no Museo Centro Gaiás: Vagalumes, para a rapazda de 0 a 3 anos; Miñocas, a partir de 4 anos; e Fanecas, dirixida a cativada de 7 anos en adiante. Moitas das pezas que se proxectarán ao longo da fin de semana foron premiadas ou seleccionadas nalgúns dos festivais de animación máis importantes do mundo como Tribeca Film Festival (Estados Unidos), New York International Children’s Film Festival (Estados Unidos), DOK Leipzig (Alemaña), Stuttgart International Festival of Animated Film (Alemaña) ou Sitges – Festival Internacional de Cine Fantástico de Cataluña.

Ademais das seccións oficiais a concurso, esta edición inclúe dúas propostas paralelas de balde. Por unha banda, Pequefilmes renova o seu acordo co festival Clermont-Ferrand, un dos máis recoñecidos do mundo, para achegar a Galicia unha escolma de obras exhibidas en Francia. Por outra, o público poderá gozar dalgunhas curtas premiadas ao longo da década de traxectoria do certame.

O certame tamén conta con representación galega da man da curta Dra. Paciente, de Anahí Sotelo García e Daniel Rodríguez Palacios, así como da curta española Gilbert, de Alex Salu, Arturo Lacal e Jordi Jiménez, nominada este ano aos Premios Goya na categoría de Mellor Curtametraxe de Animación.

Na web www.cidadedacultura.gal pode consultarse toda a información detallada.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/02/2026