A Xunta asegura que as necesidades educativas en Valdoviño están cubertas e comprométese a unha avaliación continua se xorden novas demandas
O secretario xeral técnico da Consellería de Educación explica no Parlamento que “non se pecha a porta” a unha nova planificación en caso de que se acrediten necesidades desde o punto de vista técnico
Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2026
O secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Manuel Vila, asegurou hoxe ante a Comisión 3ª do Parlamento que as necesidades educativas no Concello de Valdoviño a día de hoxe están cubertas e comprométese a unha avaliación continúa das novas demandas que poidan xurdir no futuro.
O representante da Xunta explicou que as decisións de creación de novos centros educativos adóptanse sempre “en función das necesidades presentes e futuras”, para o cal se ten en conta a evolución demográfica e o beneficio real para o alumnado dentro dun sistema educativo que abrangue máis de 300.000 estudantes”. Isto é, unha planificación “rigorosa, sostible e asentada no interese xeral”, como demostran os tres centros novos e 18 ampliacións que están en marcha naquelas zonas de Galicia onde a demanda de prazas así o esixe.
No caso de Valdoviño, os datos reflicten un escenario de contracción demográfica sostida no tempo, cun descenso do 10% do alumnado tan só no último lustro, e cunha previsión de caída máis acusada aínda nos próximos anos. Este decrecemento é progresivo xa desde a etapa de Infantil (este curso matriculáronse 18 nenos para 40 prazas en 4º de Infantil), o que significa que nos próximos anos haberá menos alumnos en ESO e, en consecuencia, tamén menos estudantes potenciais en Bacharelato.
Así pois, “estas cifras indican que non estamos ante unha presión inmediata na etapa de ensino postobrigatorio, senón ante unha redución progresiva da base demográfica que é a que alimenta o Bacharelato”, explicou Manuel Vila, que tamén insistiu en que a Xunta “non pecha a porta” á unha nova planificación en caso de que se acrediten necesidades desde o punto de vista técnico. Neste escenario, a día de hoxe os recursos e as dotacións educativas coas que conta Valdoviño son as axeitadas para atender as necesidades de escolarización. Ademais, o compromiso da Xunta coa comunidade escolar neste concello reflíctese nun investimento de preto de 1 millón de euros en mellora das infraestruturas nos últimos anos, dos cales máis de 300.000 euros destináronse recentemente á reforma da cociña e do comedor do CPI Atios.