A Casa de Galicia en Madrid inaugura a mostra ‘40 anos de autonomía de Galicia nas caricaturas de Siro’

A exposición ofrece un percorrido visual polos principais momentos da historia autonómica de Galicia a través da mirada crítica de Siro López

Poderá visitarse ata o 29 de marzo nas salas Emilia Pardo Bazán e Álvaro Cunqueiro

Madrid, 5 de marzo de 2026

A Casa de Galicia en Madrid acolleu hoxe a inauguración da exposición 40 anos de autonomía de Galicia nas caricaturas de Siro, organizada polo Parlamento de Galicia. Esta mostra que reúne unha selección de caricaturas orixinais do caricaturista Siro López nas que o autor retrata, con ironía e capacidade de síntese, catro décadas da historia política e social de Galicia.

No acto participaron, ademais do director da Casa de Galicia en Madrid, Luis E. Ramos; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices; o autor das obras expostas, Siro López Lorenzo, e o comisario da exposición, Aser Álvarez.

Durante a súa intervención, o director da Casa de Galicia destacou o valor da caricatura como ferramenta de interpretación da actualidade política e subliñou que o autor “fixo da ilustración unha potentísima ferramenta de información política”.

Neste sentido, sinalou que as viñetas do caricaturista “falan por si soas e constitúen unha historia en si mesmas”, lembrando ademais a súa experiencia persoal como lector habitual do diario La Voz de Galicia, onde durante décadas se publicaron os seus traballos. “Nalgún momento cheguei a preguntarme quen complementa a quen: se o texto da noticia á ilustración de Siro López ou a caricatura de Siro á noticia”, comentou.

40 anos de autonomía de Galicia nas caricaturas de Siro

A exposición, propón un percorrido visual polos principais momentos da historia autonómica galega desde a aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981. Conforma en exemplo de como o humor gráfico acompañou e retratou a evolución política e institucional de Galicia ao longo destas catro décadas.

Natural de Ferrol, Siro López é unha das figuras máis destacadas do humor gráfico galego contemporáneo. Durante décadas desenvolveu o seu traballo en La Voz de Galicia, onde as súas caricaturas se converteron nunha referencia para interpretar a actualidade política e social desde a ironía e a mirada crítica.

A mostra poderá visitarse nas salas Emilia Pardo Bazán e Álvaro Cunqueiro na Casa de Galicia en Madrid ata o vindeiro domingo 29 de marzo. De luns a sábado de 10,00h. a 14,00h e de 16,00h a 20,00h. e domingos de 10,00h. a 14,00h.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/03/2026