A Xunta dá luz verde ambiental a un centro de xestión de residuos informáticos en Culleredo

A resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé que a instalación teña impactos significativos sobre a contorna se se cumpren os condicionantes fixados no propio informe ambiental e na documentación avaliada

O proxecto consiste na instalación dun centro xestor de almacenamento e valorización de residuos informáticos, que se situará no interior dunha nave que xa ten o promotor no parque empresarial de Almeiras-A Marisqueira

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2026

A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental ao proxecto para a instalación dun centro de almacenamento e valorización de residuos informáticos, no parque empresarial de Almeiras-A Marisqueira, no concello de Culleredo.

Segundo se conclúe no informe de impacto ambiental (IIA) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, non son previsibles efectos adversos significativos derivados do proxecto, sempre que se cumpra cos condicionantes fixados tanto no documento ambiental e na restante documentación analizada, como na propia resolución autonómica.

Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada desta iniciativa empresarial, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública, sen que se recibise ningún escrito ou alegación ao respecto, ao tempo que foron consultados os organismos interesados.

Froito desas consultas, realizaron a valoración correspondente e estableceron condicionantes que se engaden aos incluídos no propio programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.

Neste sentido, esas avaliacións consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpra con certos condicionantes establecidos nos seus respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección da atmosfera, poboación e saúde; das augas e leitos fluviais; do solo e das infraestruturas; a integración paisaxística e restauración ou a xestión de residuos.

Unha vez emitido o IIA, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto, remitiuse a resolución ao órgano substantivo e proximamente daráselle publicidade a través do Diario Oficial de Galicia e da páxina web da Consellería.

O proxecto consiste na instalación dun centro xestor de almacenamento e valorización de residuos non perigosos -residuos informáticos, que se situará no interior dunha nave que xa ten o promotor no parque empresarial de Almeiras-A Marisqueira, totalmente acondicionada para realizar a actividade, polo que non é necesario acometer ningún tipo de obra ou modificación das instalacións existentes.

En concreto, as operacións a desenvolver serán o almacenamento de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEES), como pantallas de ordenador e impresoras pequenas e grandes; así como o almacenamento e valorización de compoñentes informáticos e cartuchos de tinta e tóner.

O promotor, Ridel Noroeste SL, establece a capacidade normal de tratamento na instalación será de 43 toneladas ao ano e a capacidade máxima será de 54,75 toneladas ao ano, considerándose a capacidade máxima puntual de almacenamento de 14,05 toneladas.

Data de actualización: 08/03/2026