Medio Rural e Cáritas Diocesana de Santiago asinan un convenio para a formación de persoas en risco de exclusión social no ámbito da xardinaría

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, subscribiu hoxe a colaboración coa entidade social no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Guísamo, onde se impartirán as actividades formativas

Ofreceranse cursos de formación non regrada de mantemento de xardíns e zonas verdes, combinando contidos teóricos e prácticos co obxectivo de mellorar a capacitación profesional das persoas participantes e favorecer a súa inserción laboral

Bergondo (A Coruña), 11 de marzo de 2026

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, asinou hoxe no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Guísamo, en Bergondo, un convenio de colaboración entre a Consellería do Medio Rural e Cáritas Diocesana de Santiago para desenvolver actividades formativas no ámbito da xardinaría dirixidas a persoas en risco de exclusión social.

O acordo permitirá impartir cursos de formación non regrada de mantemento de xardíns e zonas verdes no CFEA de Guísamo, que depende da Consellería. Estas accións formativas combinarán contidos teóricos e prácticos co obxectivo de mellorar a capacitación profesional das persoas participantes e favorecer a súa inserción laboral.

A través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a Consellería achegará as instalación do centro, así como apoio técnico para a elaboración dos programas formativos. Cáritas pola súa banda asumirá a xestión administrativa dos cursos e a coordinación do profesorado. O convenio terá unha vixencia inicial dun ano, con posibilidade de prórroga ata un máximo de catro anos.

Alemparte destacou que “a formación é unha ferramenta fundamental para construír autonomía, dignidade e futuro, e avanzar cara a unha sociedade máis inclusiva”. Neste sentido, subliñou que a colaboración entre institucións públicas e entidades sociais permite desenvolver "iniciativas concretas que contribúen á mellora das oportunidades laborais das persoas en situación de vulnerabilidade”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/03/2026