A delegada de Xunta visitou varios comercios adheridos á Asociación de Comerciantes e Empresarios/as de Betanzos para informar da nova orde para a dinamización do comercio local
Belén do Campo informa que mañá remata o prazo para que as asociacións de comerciantes soliciten os 2,5 M€ en axudas da Xunta para a dinamización do comercio local
Belén do Campo lembrou que poden optar ás axudas as asociacións de comerciantes de carácter territorial e sen ánimo de lucro, legalmente constituídas, cunha antigüidade mínima de tres anos, que representen, como mínimo, 50 negocios retallistas
As entidades deberán presentar un programa que inclúa polo menos seis campañas de dinamización comercial coa participación directa dos comercios asociados e da clientela, así como accións formativas e outras iniciativas orientadas á fidelización e mellora dos servizos
Betanzos (A Coruña), 11 de marzo de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Juan José Couce, percorreu hoxe, xunto cos representantes da Asociación de Comerciantes e Empresarios/as de Betanzos – Centro Comercial Aberto (ACEBE CCA) varios establecementos dos seus asociados para lembrar que mañá, xoves, 12 de marzo, remata o prazo para que os centros comerciais abertos soliciten a nova orde de axudas para a dinamización do comercio local dotada con 2,5 millóns de euros.
O Centro Comercial Aberto (CCA) de Betanzos conta na actualidade con 132 establecementos asociados, dos que 69 son comercios retallistas e 11 corresponden a salóns de peiteado e beleza. A Asociación de Comerciantes e Empresarios de Betanzos (ACEBE CCA) integra tamén negocios do sector da hostalaría e dos servizos, que traballan de maneira coordinada co comercio de proximidade co obxectivo de impulsar a economía local, ofrecer unha proposta comercial máis ampla e favorecer o crecemento e a especialización da actividade comercial na cidade.
A entidade ofrece aos seus asociados diversos servizos orientados á promoción e á mellora da súa actividade, baseándose nos principios de unión, dinamismo e concienciación sobre as vantaxes do asociacionismo empresarial. Así mesmo, o CCA traballa para consolidarse como un referente en aspectos como a dotación de aparcamentos, a accesibilidade peonil e a dinamización do consumo local. O obxectivo principal do CCA do Comercio de Betanzos é consolidar a cidade como un punto de referencia para os potenciais compradores, facendo que a actividade comercial da zona se converta nunha forza plenamente competitiva no complexo mercado actual.
Durante o percorrido, a delegada puxo en valor o traballo de dinamización que realiza a entidade, que recibiu case 44.000 euros na anterior convocatoria de 2025 destas axudas para o desenvolvemento de campañas de promoción, accións de fidelización e iniciativas de impulso ao comercio local.
Campañas de dinamización e promoción comercial
Grazas a esta achega autonómica, no ámbito das campañas de dinamización comercial leváronse a cabo accións de grande impacto como a campaña Un Nadal de compras por Betanzos, na que se repartiron 130.000 boletos entre os clientes do comercio local.
No mes de febreiro de 2025 desenvolveuse tamén a campaña de San Valentín, baseada na participación nun sorteo a través dun cuestionario en liña. A persoa gañadora recibiu dous cheques 50 euros para consumir nos establecementos asociados.
Dentro das accións de dinamización comercial tamén se celebrou unha nova edición de MercaBetanzos, a feira de oportunidades do comercio local e durante o mes de maio desenvolveuse tamén a campaña Rasca e Gaña na que se repartiron boletos entre os clientes do comercio local.
Ademais, desenvolvéronse campañas adicionais de dinamización comercial como a Campaña de Primavera, a través da aplicación móbil ACEBE CCA. A iniciativa incluíu a distribución de cartelería promocional entre os establecementos asociados e a realización dun sorteo a través da propia aplicación.
ACEBE CCA levou a cabo ademais diferentes accións complementarias orientadas á fidelización da clientela e á mellora dos servizos ofrecidos polo comercio local. Entre elas destaca a campaña de promoción de socios nas redes sociais. A entidade impulsou tamén unha campaña de gastos de envío gratuítos para as vendas en liña e de entrega de tickets gratuitos para aparcamentos.
O programa completouse cun bloque de actividades formativas cun obradoiro visual merchandising dirixido aos comerciantes asociados co obxectivo de proporcionar ferramentas e coñecementos para mellorar a presentación dos produtos e optimizar a imaxe dos establecementos comerciais.
A delegada da Xunta subliñou que estas accións evidencian o esforzo deste Centro Comercial Aberto de Betanzos por impulsar o comercio local a través dunha estratexia integral que combina promoción, fidelización, innovación e formación, contando co respaldo institucional da Xunta de Galicia para seguir fortalecendo o tecido comercial e económico do municipio.
Balance 2025
En relación coa orde de axudas dirixida aos centros comerciais abertos en Galicia a convocatoria contou, no 2025, con 2,5 millóns de euros e beneficiou a 54 centros comerciais abertos, na provincia da Coruña as achegas chegaron a 18 entidades por máis de 800.000 euros.
Unha orde centrada na excelencia e na profesionalización
A delegada da Xunta lembrou que mañá 12 de marzo se pecha o prazo de presentación de solicitudes da nova convocatoria de axudas dirixida aos centros comerciais abertos (CCA), unha liña de apoio que se enmarca no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030.
Esta orde ten como finalidade apoiar economicamente ás asociacións de comerciantes que traballan de forma coordinada na dinamización do comercio de proximidade, financiando campañas, accións promocionais e servizos orientados a atraer clientela e mellorar a competitividade do sector.
A convocatoria introduce medidas de simplificación administrativa para facilitar a tramitación, ao tempo que actualiza os criterios de valoración e amplía as actuacións subvencionables. Mantense o sistema de concorrencia competitiva, co obxectivo de priorizar os proxectos mellor estruturados, con maior impacto e cunha xestión profesionalizada.
Entre as principais novidades figuran novos criterios relacionados coa formación dos comerciantes, a capacidade para incorporar novos establecementos asociados e a posta en marcha de servizos complementarios —como ludotecas ou espazos de lecer infantil— que favorecen a permanencia das familias nas áreas comerciais. Ademais, intégrase como requisito o uso da nova marca do Comercio Galego, co fin de reforzar a identidade e a visibilidade conxunta do sector.
A orde reserva tamén unha partida específica de 100.000 euros para que as cinco propostas mellor valoradas accedan a unha achega adicional de ata 20.000 euros cada unha. Este financiamento extraordinario destínase a accións complementarias de dinamización que se desenvolven en coordinación cos concellos e outras entidades locais.