A Xunta reforza a formación do profesorado en competencia lectora nunha xornada con 67 centros educativos

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa inaugura o encontro no que, a través de charlas e obradoiros, se comparten enfoques e boas prácticas para a súa incorporación á aula

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2026

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, inaugurou hoxe a Xornada de impulso da competencia lectora que reúne en Santiago a profesorado de 67 centros de Infantil e Primaria de toda Galicia co obxectivo de afondar na formación docente neste eido.

O encontro, promovido pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, ten como finalidade reforzar, compartir enfoques e ofrecer ferramentas prácticas para o desenvolvemento da competencia lectora e o traballo coa información nas aulas. Así pois, a través de relatorios e obradoiros específicos, os participantes traballan na mellora da comprensión lectora e no acceso crítico á información, ámbitos fundamentais para o desenvolvemento da competencia lectora do alumnado.

Con esta iniciativa, refórzase o traballo que os centros educativos están a desenvolver no marco do Plan de lectura, escritura e acceso á información, promovendo prácticas educativas que contribúan a formar alumnado lector, crítico e capaz de utilizar a información de maneira responsable e autónoma.

Relatores

Na sesión de mañá celébranse tres relatorios a cargo de especialistas no ámbito da didáctica da lingua e da alfabetización informacional como son Daniel Cassany (que interveu por vía telemática), investigador da Universitat Pompeu Fabra de Barcelona; Eva García, mestra do Colexio de Roxos e Mónica Muñoz, asesora de competencia lectora.

A xornada complétase con obradoiros prácticos sobre propostas para incorporalas ás aulas. Trátase do obradoiro Alimentándonos coa información, centrado no acceso á información a partir de tres fontes principais que son o libro informativo, a prensa e internet, propiciando unha reflexión compartida sobre as competencias desenvolvidas; Da imaxe á palabra, onde se explora o potencial da imaxe como punto de partida para a creación oral e escrita e o uso do kamishibai (teatro de papel) como ferramenta didáctica para o fomento da lectura, a oralidade e a creatividade, e Pasaporte animal, un proxecto documental que combina a creación audiovisual, análise de información, realidade aumentada, ferramentas de intelixencia artificial e creación do coñecemento por parte do alumnado.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/03/2026