A Xunta celebrará a III Feira de Educación, Formación e Emprego de Lugo os días 17 e 18 de marzo

O delegado territorial, Javier Arias, explica que participan 42 expositores, con destacada presenza da Formación Profesional, as universidades ou as forzas e corpos de seguridade

Lugo, 12 de marzo de 2026

A Xunta de Galicia celebrará os vindeiros días 17 e 18 de marzo a III Feira de Educación, Formación e Emprego, un escaparate no que o alumnado que se dispón a comezar a súa formación superior pode descubrir os itinerarios formativos e as oportunidades laborais que ofrecen as distintas ensinanzas.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, destacou hoxe durante a presentación na Delegación Territorial “o carácter directo e didáctico do evento, xa que permite aos mozos e mozas coñecer os recursos e recibir orientación sobre as distintas ofertas con vistas a decidir o seu futuro académico e profesional”.  

A convocatoria enmárcase no calendario de feiras Galicia Educa, impulsadas pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP para mellorar a orientación formativa e vocacional do alumnado, ao tempo que amosa o bo traballo que desenvolven os centros educativos. 

A cita terá lugar no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, en horario de 9:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 e con acceso gratuíto. Reunirá a 42 expositores, entre eles 23 centros públicos -con destacada presenza da Formación Profesional- que desprazan equipamento e simuladores cos que realizar prácticas. 

Tamén estarán as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, a Universidade Intercontinental da Empresa, a Universidade Europea de Madrid e a Uned, ao igual que a Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón, a Escola de Idiomas, ou os Conservatorios profesionais de Danza e de Música de Lugo, que ofrecerán actuacións a cargo do seu alumnado.

Igualmente, participan varios colexios profesionais así como a Policía Nacional, a Garda Civil e as Forzas Armadas, que desprazan unha cabina do exército do Aire ou o globo aerostático, que poderá utilizarse se a meteoroloxía o permite, ancorado ao chan. 

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP contará cun posto para afondar na orientación e informar sobre as bibliotecas e os polos creativos, e a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude disporá do seu propio espazo para tramitar o Carné Xove para os mozos e mozas que o desexen. Pola súa banda, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración achegará ao público os Polos de Emprendemento.

Arias sinalou que a feira é tamén unha proposta interesante para os traballadores desempregados que queren reconducir a súa traxectoria laboral, para orientadores laborais e consultores, e para o tecido produtivo en xeral, como punto de encontro entre as empresas que demandan persoal e os centros que están a formar á mocidade nos máis diversos sectores.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/03/2026