A Xunta destaca a contribución da empresa viguesa Néboda Farms á I+G+i no sector agroalimentario

A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, visita a compañía, que participa no programa de Doutoramentos Industriais da Consellería

O investigador da UVigo Gonzalo Costas realiza nesta compañía a súa tese sobre a optimización de cultivos destinados á produción de mesturas frescas

Un total de 20 doutorandos da UVigo benefícianse deste programa da Consellería de Ciencia que permite iniciar unha carreira científica nun entorno empresarial

Vigo, 17 de marzo de 2026

A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, visitou hoxe as novas instalacións da empresa Néboda Farms, en Vigo, da que destacou o seu carácter innovador, que aposta pola I+G+i, a marca que agrupa a ciencia e a innovación feitas en Galicia, para responder deste xeito aos retos de modernización dos sectores primarios, neste caso nomeadamente do agroalimentario. Entre outras iniciativas, apóiase para iso no programa de Doutoramentos Industrias da Xunta.

A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP coñeceu de primeira man os proxectos de innovación que a empresa está a desenvolver no ámbito da agricultura vertical e das tecnoloxías de cultivo en ambiente controlado e, máis concretamente, a investigación que realizan no marco de Doutoramentos Industriais.

Neste caso, o investigador da Universidade de Vigo Gonzalo Costas Fernández realiza a súa tese Optimización da produción hidropónica de leituga para mesclum sobre o desenvolvemento e optimización de cultivos destinados á produción de mesturas frescas, incluíndo tarefas de selección varietal, análise de espectros lumínicos e definición de protocolos de cultivo con alto potencial comercial.

Néboda Farms, representada na visita por polo seu director, Iván García Besada, e polo responsable de I+D, Samuel López Novoa, é unha empresa galega fundada en 2019 coa visión de transformar a produción agroalimentaria mediante o uso da agricultura vertical e tecnoloxías de cultivo en ambiente controlado, integrando innovación nun sector tradicional e desenvolvendo solucións para unha produción máis sostible e eficiente.

Nos últimos anos, contou co apoio de diferentes instrumentos públicos destinados ao impulso da innovación e o desenvolvemento tecnolóxico empresarial, como os programas InnovaPeme e Nexos da Xunta de Galicia, Neotec do Centro para el Desarrollo Tecnológico y la Innovación (CDTI) ou a aceleradora Galicia Business Factory Food, impulsada polo Clúster Alimentario de Galicia en colaboración coa Xunta.

Convocatoria aberta

A representante da Consellería de Ciencia aproveitou para lembrar que a convocatoria 2026 do programa de Doutoramentos Industriais, que apoia a contratación de persoas investigadoras nunha contorna empresarial para realizar a súa tese centrada nun problema ou necesidade da empresa en colaboración coa universidade, permanece aberta ata o vindeiro 27 de marzo. Neste sentido, destacou que 20 persoas doutorandas da Universidade de Vigo se beneficiaron deste programa dende 2021.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/03/2026