A Xunta destaca o potencial galego na transformación de madeira de piñeiro no sector da embalaxe
O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, visitou esta mañá as instalacións de Maderas Ornanda, empresa especializada na fabricación de caixas e embalaxes con madeira de piñeiro galego
Lembra que o 20 de marzo pecha o prazo para solicitar as axudas da Xera para investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos forestais
Porto do Son (A Coruña), 17 de marzo de 2026
O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, destacou o potencial galego na transformación de madeira de piñeiro, especialmente, en sectores coma o da embalaxe.
Fernández Ríos visitou hoxe en Porto do Son as instalacións de Maderas Ornanda, empresa beneficiaria das axudas Xera-Valor con máis de 35 anos de experiencia na fabricación de caixas e embalaxes con madeira de piñeiro galego. As posibilidades de adaptación que ofrece debido ás súas características, sinalou, convérteno nun material idóneo para o seu emprego neste ámbito.
Por outra banda, lembrou que o vindeiro venres 20 de marzo pecha o prazo para solicitar as axudas da Xera para investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos forestais. A liña, cofinanciada co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), conta nesta convocatoria cunha dotación orzamentaria de 11 millóns de euros.