Belén do Campo destaca a tradición e o atractivo da Semana Santa da Coruña na presentación do seu cartel oficial
Durante o acto, no que tamén participou o arcipreste da Coruña, Manuel Hermida, presentouse o programa de procesións que volverán encher as rúas da cidade nestas datas
A Coruña, 20 de marzo de 2026
A delegada da Xunta, Belén do Campo, asistiu, esta tarde, na Fundación Barrié á presentación oficial do cartel da Semana Santa da Coruña, un acto organizado pola Xunta de Cofradías da Semana Santa da cidade.
Durante o acto, no que tamén participou arcipreste da Coruña, Manuel Hermida, presentouse o programa de procesións que volverán encher as rúas da cidade e que poñen de manifesto o atractivo desta celebración e a profunda devoción dos coruñeses nunhas datas tan sinaladas.
Belén do Campo expresou a súa confianza en que “este ano todas as procesións poidan saír á rúa e que a cidadanía poida participar e gozar delas nas rúas da cidade”. As celebracións comezarán o 13 de abril co Domingo de Ramos e prolongaranse ata o Domingo de Resurrección, o 20 de abril.
A delegada da Xunta agradeceu especialmente o traballo do presidente da Xunta de Cofradías da Semana Santa da Coruña, Salvador Peña, polo seu compromiso e pola labor que realiza para manter vivo o espírito e a tradición da Semana Santa na cidade.
Neste sentido, puxo en valor o papel das confrarías e das persoas voluntarias que, ano tras ano, fan posible esta celebración relixiosa e cultural que forma parte da identidade e das tradicións da cidade da Coruña.