Belén do Campo destaca na Coruña o valor da educación musical entre a mocidade na preestrea do musical 'Lúa'

A delegada da Xunta destacou que é unha produción coproducida pola Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) e Volana Producións, que forma parte do compromiso da orquestra coa educación musical e coa innovación pedagóxica

A Coruña, 20 de marzo de 2026

A delegada da Xunta, Belén do Campo, asistiu, esta tarde, no Palacio da Ópera da Coruña á preestrea privada do musical Lúa, unha produción coproducida pola Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) e Volana Producións, que forma parte do compromiso da orquestra coa educación musical e coa innovación pedagóxica.

A delegada puxo en valor esta iniciativa cultural e educativa que achega a música sinfónica ás novas xeracións a través dunha proposta escénica que integra música, teatro e danza e que está concibida especialmente para alumnado de educación secundaria e dos últimos cursos de primaria.

Lúa, composta polo músico coruñés Fernando Briones, narra a historia dunha moza que vive nunha pequena aldea costeira galega e que se debate entre a tradición familiar e a súa verdadeira paixón pola música. A chegada de Xoán, un rapaz recentemente chegado de Arxentina, transformará a súa vida e a do pobo nun relato cheo de emoción, humor e valores como a integración, a amizade e a superación.

Belén do Campo destacou tamén a implicación da comunidade educativa neste proxecto, que conta coa participación do coro novo da OSG, no que se incorporaron varios estudantes de institutos da cidade, reforzando así a colaboración entre a Orquestra Sinfónica de Galicia e os centros educativos.

A representante do Goberno autonómico sinalou que iniciativas como esta contribúen a fomentar o interese pola música e pola cultura entre a mocidade e permiten abrir novas vías de diálogo entre a música sinfónica, a educación e a sociedade.

O musical ofrecerá un total de dez funcións dirixidas a alumnado de centros educativos da cidade e da súa contorna, co obxectivo de achegar esta experiencia artística a máis de 15.000 estudantes da Coruña e da súa área metropolitana.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/03/2026