Avanzan a bo ritmo os traballos de recuperación do espazo peonil da contorna da igrexa de Santa María de Sacos nos que a Xunta inviste 300.000 euros

O delegado territorial visitou as obras e destacou a importancia de crear espazos públicos agradables nos núcleos rurais

Esta intervención está financiada ao 70 % polo Plan Hurbe da Xunta mentres que o 30 % restante é asumido polo concello

Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), 24 de marzo de 2026

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o concello de Cerdedo-Cotobade acompañado polo seu alcalde, Jorge Cubela, para comprobar o avance das obras de recuperación de espazo para uso peonil na contorna  da igrexa de Santa María de Sacos, unha actuación que conta cun investimento da Xunta de preto de 300.000 euros.

Esta intervención, financiada ao abeiro do Plan Hurbe, ten como obxectivo a humanización deste espazo público situado no lugar de Vila de Abaixo, no núcleo rural de Cotobade, e que abrangue a contorna da igrexa parroquial, o cemiterio, a reitoral e a casa do pobo.

As obras permitirán crear unha plataforma única que amplíe o espazo destinado aos peóns, favorecendo o uso e desfrute da veciñanza, ao tempo que se mellora a accesibilidade e se eliminan barreiras arquitectónicas. Ademais, inclúese a renovación do sistema de iluminación mediante a substitución das luminarias actuais por outras máis eficientes.

Durante a visita, o delegado territorial destacou a importancia deste tipo de actuacións para “poñer en valor os espazos públicos dos núcleos rurais, facéndoos máis accesibles, seguros e atractivos para a veciñanza”. Neste sentido, subliñou que o Plan Hurbe “permite avanzar na transformación dos concellos, impulsando proxectos que melloran a calidade de vida e contribúen á dinamización do territorio”.

A Xunta de Galicia financia o 70 % do investimento, mentres que o concello asume o 30 % restante.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/03/2026