Belén do Campo pon en valor o labor da gandería Costoya na conservación da raza Limia e o traballo de BOAGA na defensa das razas autóctonas galegas
A delegada destacou que BOAGA desempeña un papel fundamental na conservación, recuperación e mellora destas razas, así como no apoio aos gandeiros, impulsando a produtividade e rendibilidade das explotacións e ofrecendo asesoramento aos profesionais dos criadores
Mesía (A Coruña), 26 de marzo de 2026
A delegada da Xunta, Belén do Campo, visitou hoxe a gandería Costoya, unha explotación que centra a súa produción na raza Limiá, onde destacou a importancia de apostar polas razas autóctonas como exemplo de gandería sostible, ligada ao territorio e á conservación da paisaxe galega.
A representante do Goberno autonómico destacou a traxectoria e o compromiso co rural galego dun gandeiro que soubo transformar e fortalecer dúas explotacións familiares mediante a súa unificación e a aposta pola produción ecolóxica de vacún de carne de raza autóctona Limiá.
Durante a visita ás instalacións, a representante autonómica puxo en valor “o exemplo de emprendemento e adaptación aos novos tempos” do titular da explotación, quen no ano 2023 decidiu dar continuidade á actividade familiar tras a xubilación dos seus pais, introducindo un cambio profundo no modelo produtivo. Así, a antiga explotación intensiva de leite converteuse nun proxecto sostible centrado na produción ecolóxica de carne.
Na actualidade, a explotación Ganadería Costoya SC conta con 27 vacas nais, un touro, 18 crías e 19,37 hectáreas destinadas ao pastoreo e á produción de forraxes, consolidándose como unha iniciativa viable e respectuosa co medio.
A delegada tamén salientou a capacidade de crecemento do proxecto, que a finais de 2024 incorporou unha segunda explotación procedente da xubilación dos seus sogros. Neste caso, o gandeiro asumiu a xestión das terras e apostou novamente pola produción ecolóxica de vacún de raza Limiá, contando actualmente con 11 nais —entre vacas e futuras reprodutoras—, un touro e tres tenreiros en 9,5 hectáreas.
“Estamos ante un claro exemplo de como a unión de explotacións e a aposta pola calidade e as razas autóctonas contribúen a fortalecer o sector primario, fixar poboación e dinamizar o rural galego”, subliñou a delegada.
Así mesmo, tamén destacou os recoñecementos acadados polo gandeiro en certames especializados, como o segundo posto no IX Concurso Morfolóxico da raza Limiá, celebrado no marco da 47ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, o ano pasado, un evento de referencia para o sector agrogandeiro.
Finalmente, a delegada reiterou o apoio da Xunta a iniciativas deste tipo, que combinan tradición, innovación e sostibilidade, e que representan o futuro do rural galego.
BOAGA
Durante a visita, a representante do Goberno autonómico estivo acompañada polo presidente de BOAGA, Castor Rivero, e puxo en valor o traballo que desenvolve esta federación de asociacións sen ánimo de lucro, creada en febreiro de 2001 co obxectivo de conservar e recuperar o patrimonio zooxenético das razas autóctonas galegas en perigo de extinción.
A delegada subliñou que estas razas constitúen tamén un importante patrimonio histórico e cultural de Galicia, ademais de contribuír á xestión sostible do territorio e ao modelado das paisaxes, sendo un claro exemplo de produción respectuosa co medio ambiente.
Neste sentido, destacou que BOAGA desempeña un papel fundamental na conservación, recuperación e mellora destas razas, así como no apoio aos gandeiros, impulsando a produtividade e rendibilidade das explotacións, ofrecendo asesoramento e defendendo os intereses económicos, sociais e profesionais dos criadores.
Ademais, salientou o papel da federación como interlocutora coa Administración e a súa implicación na xestión dos libros xenealóxicos, na mellora sanitaria e zootécnica das explotacións e na colaboración con outras entidades a nivel autonómico, estatal e internacional.
Razas autóctonas
A representante do Goberno autonómico tamén fixo fincapé na orde de axudas da Consellería do Medio Rural para o fomento das razas autóctonas, cuxo prazo de solicitude xa está pechado para este ano, e que conta cun orzamento de 270.000 euros. Estas achegas están dirixidas ás asociacións de criadores oficialmente recoñecidas e teñen como finalidade aumentar a rendibilidade e viabilidade das explotacións, así como mellorar o nivel de vida dos gandeiros.
Estas axudas permiten financiar actuacións como a creación e mantemento dos libros xenealóxicos, o desenvolvemento dos programas de cría, a conservación in situ das razas, o mantemento dos bancos de xermoplasma e as probas de calidade xenética e rendemento do gando. Neste senso, lembrou que, o ano pasado, a Asociación de Criadores sa Raza Bovina Limiá recibiu 22.000 euros para apoiar a este sector.
A representante autonómica destacou que, a través destas liñas de apoio, a Xunta contribúe á modernización do sector nas vertentes xenética, sanitaria e produtiva, ao tempo que impulsa a eficiencia dos sistemas e a calidade das producións.
Finalmente, a delegada reafirmou o compromiso da Xunta co sector gandeiro galego e coa posta en valor das razas autóctonas, fundamentais para garantir un rural vivo, sostible e con futuro.