A Xunta pon en valor a consolidación das feiras ‘Expomunicipal’ e ‘Enerxétika’ como o mellor escaparate das últimas innovacións para os servizos municipais e o sector enerxético

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou na inauguración da dobre cita feiral que reúne desde hoxe ata o venres a profesionais, empresas e administracións para que intercambien experiencias e aproveiten as sinerxías que comparten os dous sectores

Destacou o compromiso da Xunta cos concellos galegos con 670M€ destinados este ano a través, entre outras medidas, das liñas das axudas da Dirección Xeral de Administración Local que se presentarán mañá nunha das xornadas técnicas de ‘Expomunicipal 2026’

Incidiu na necesidade dunha transición enerxética xusta e planificada que permita desenvolver as enerxías renovables, fortalecer o tecido industrial e garantir custos enerxéticos competitivos

Silleda (Pontevedra), 25 de marzo de 2026

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe na inauguración da segunda edición de Expomunicipal e na quinta de Enerxétika, xunto coa directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto; o director xeral de Planificación Enerxética e Minas e director do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), Pablo Fernández Vilas; o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera; e o director xeral da Fundación Semana Verde de Galicia, Ricardo Durán.

Durante o acto, Diego Calvo destacou a importancia de celebrar desde hoxe ata o venres ambos eventos, que se consolidan como escaparate das solucións máis innovadoras dos servizos municipais e do sector enerxético. Nesta liña, incidiu na importancia de levar a cabo de maneira conxunta as dúas feiras, xa que ofrecen unha oportunidade única para que empresas, administracións e profesionais intercambien experiencias e aproveiten as sinerxías que comparten estes sectores en ámbitos como a eficiencia enerxética, un dos eixos fundamentais para avanzar cara concellos e empresas máis verdes, innovadoras e sostibles, en liña cos obxectivos da Axenda 2030.

Desde hoxe ata o venres, 27 de marzo, o recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA  acolle esta dobre cita que estes días converte á comunidade en referente a nivel peninsular na presentación de solucións tecnolóxicas e servizos avanzados tanto para o eido local como o enerxético. En conxunto, reunirán ata 475 firmas expositoras de 22 países representadas por 167 expositores directos nunha superficie de máis de 7.700 metros cadros e cun programa de actividades con máis de 70 conferencias incluídas nunha trintena xornadas e foros, así como unha gran área divulgativa con talleres e demostracións. Estas cifras supoñen que sexa o segundo maior evento profesional da Fundación Semana Verde de Galicia en expositores directos e firmas.

No que se refire a Expomunicipal, posta en marcha en 2024 con carácter bienal, o conselleiro de Presidencia destacou que continúa a súa evolución como un espazo orientado a achegar aos concellos galegos solucións innovadoras para a xestión municipal. Ademais da área expositiva, conta cun programa de xornadas dirixidas a profesionais da administración local, nas que se abordarán cuestións como a xestión de espazos públicos ou a prestación eficiente de servizos. Tamén explicou que a Xunta presentará mañá nunha xornada técnica novas liñas de axudas destinadas ás entidades locais e veciñais, entre elas, unha nova convocatoria dotada con 1 millón de euros para concellos de menos de 30.000 habitantes destinada á adquisición de maquinaria vinculada á prevención de incendios forestais

Nesta liña, Diego Calvo incidiu no compromiso da Xunta coas entidades locais, por exemplo, a través da colaboración o ano pasado en preto dun milleiro de proxectos a través das distintas liñas de apoio da Dirección Xeral de Administración Local. Ademais, a contía destinada aos concellos galegos este ano por parte do Goberno galego -engadiu- ascende a 670 millóns de euros, o que supón unha cifra histórica.

Neste sentido, destacou tamén o avance no anteproxecto da Lei de Administración Local de Galicia, coa que o Goberno galego pretende adaptar o marco normativo á realidade actual, modernizar a xestión das entidades locais, clarificar competencias,  establecer un réxime específico de municipios do reto demográfico, impulsar novas fórmulas innovadoras de cooperación municipal e mellorar o sistema de financiamento local, pese a que é unha competencia estatal

Por outra parte, no que se refire a Enerxétika, o conselleiro de Presidencia sinalou que se consolida como un certame de referencia para analizar a evolución do sector enerxético e os retos da transición enerxética. Así, incidiu na necesidade dunha transición enerxética xusta e planificada que permita desenvolver as enerxías renovables, fortalecer o tecido industrial e garantir custos enerxéticos competitivos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/03/2026