A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e a directora da AXI, María Deza, visitou hoxe a actuación

A Xunta conclúe as obras de posta en valor da ponte medieval de Ponte Sampaio, que une Pontevedra e Soutomaior, tras o investimento de preto de 500.000 euros

A Xunta cumpre os obxectivos de garantir a conservación desta ponte ao tempo que realza a súa estética, mellora a seguridade viaria, e contribúe a reforzar o atractivo da contorna coincidente coa traza do Camiño Portugués

Realizáronse labores de limpeza dos paramentos, reparouse o pavimento da ponte e dispuxéronse 20 luminarias led e 36 proxectores, acentuando o valor da infraestrutura

Pontevedra, 25 de marzo de 2025

A Xunta conclúe as obras de posta en valor da ponte medieval de Ponte Sampaio, que une os concellos de Pontevedra e Soutomaior, tras un investimento que rolda o 500.000 euros.

Tras poñerse en marcha en decembro deste pasado ano a nova iluminación desta ponte medieval, que realza a súa beleza e reforza a seguridade viaria na contorna, a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e a directora da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), María Deza, quixo visitar novamente hoxe o remate da actuación.

Segundo subliñou a conselleira, con esta intervención da Xunta dáselle cumprimento o obxectivo de garantir a conservación desta ponte e realzar a súa estética, contribuíndo así a reforzar o atractivo da contorna coincidente coa traza do Camiño Portugués.

Os traballos executados incluíron labores de limpeza dos paramentos, e a reparación do pavimento, coa reposición das pezas de lastra nas zonas onde era necesario.

No marco desta actuación, destaca tamén o citado reforzo da iluminación da ponte, que se estende polo peitoril e o exterior da ponte e contribúe a renovar o aspecto desta infraestrutura e a mellorar a seguridade de peóns e condutores. En concreto, dispúxose iluminación na calzada para o tráfico rodado e peonil mediante a instalación de 20 luminarias LED nos tallamares. Ademais, incorporouse iluminación ornamental con 36 proxectores LED para acentuar o valor estético da infraestrutura.

De xeito complementario, acometeuse a renovación do pavimento nos treitos da PO-264 contiguos á ponte, substituíndo o firme asfáltico existente por un novo lousado granítico, co fin de mellorar a integración estética da contorna.

Finalmente, realizáronse actuacións de axardinamento coa plantación de céspede no triángulo delimitado polo bordo do río e acondicionáronse os espazos anexos á ponte, tanto na entrada como na saída, completando así a posta en valor deste ámbito.

En conxunto, o resultado final desta actuación, segundo destacou M. Allegue, permite falar dunha ponte recuperada na súa imaxe pública, con melloras visibles tanto de día como de noite. A ponte presenta así, unha percepción máis coidada grazas á limpeza exterior, á renovación do pavimento e á nova iluminación, mentres os accesos gañan en coherencia e continuidade visual.

 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/03/2026