Villaverde asiste á poxa electrónica da Lonxa 4.0 de Porto do Son
A conselleira do Mar comprobou o funcionamento do sistema dixital para primeira venda de produtos pesqueiros e mantivo un encontro coa confraría para abordar melloras n as instalacións portuarias
Porto do Son (A Coruña), 26 de marzo de 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, visitou esta mañá a lonxa de Porto do Son e asistiu á poxa dixital que se realiza nesta rula a través do sistema de Lonxas Galegas 4.0 impulsado polo seu departamento. Villaverde, que estivo acompañada polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, e o alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, puxo en valor o dispositivo electrónico para a primeira venda de produtos pesqueiros e agradeceu a colaboración da confraría e o Concello para impulsar medidas que permitan innovar na comercialización dos produtos do mar.
A conselleira enmarcou a visita dentro da rolda de encontros institucionais que o seu departamento mantén de xeito recorrente cos representantes do sector para coñecer, de primeira man, as súas propostas e necesidades. Neste sentido, reseñou a “escoita activa” da Consellería e a boa disposición de Xunta, Concello e confraría para “facilitar a cogobernanza das instalacións portuarias”.
Durante a súa visita, Villaverde reuniuse tamén co patrón maior da confraría de Porto do Son, Emilio Queiruga, e o presidente da Federación provincial de Confrarías da Coruña, Daniel Formoso, para afondar nas propostas de mellora para esta dársena. Entre os temas tratados, ambas partes destacaron a proposta de posta en marcha dunha aula de formación para impulsar a remuda xeneracional no sector marítimo pesqueiro.
Finalmente, a conselleira do Mar visitou a nave de redeiras para comprobar tamén as súas posibilidades de mellora a nivel da propia infraestrutura e dos equipamentos. A este respecto lembrou as axudas dispoñibles para estes fins desde a Consellería, tanto a través do plan de equipamentos pesqueiros como dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP).