A directora xeral de Xuventude acompañou o alumnado participante nun obradoiro para evitar o ciberacoso

Lara Meneses destaca a importancia “de fomentar entre a mocidade un uso responsable e empático das tecnoloxías”

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude leva a cabo un programa de concienciación que fai parada en seis Espazos Xove

A iniciativa basease en debates nos que compartir estratexias e interpretacións e en achegarlle á rapazada testemuñas reais

O percorrido continuará en Lalín, Noia e Tui

Ourense, 26 de marzo de 2026

A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, acompañou hoxe o estudantado que participou en Ourense nunha das actividades postas en marcha pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ao abeiro da campaña para evitar o cirberacoso entre a mocidade que está percorrendo seis centros Xove das catros provincias.

Neste marco, Lara Meneses puxo en valor a importancia de organizar este tipo de iniciativas para fomentar entre a mocidade “un uso responsable e empático das tecnoloxías”. Precisamente con este fin, puntualizou, “a acción vai dirixida principalmente ao alumnado de Secundaria, tendo en conta a importancia da concienciación nestas idades, especialmente sensibles e vulnerables, para axudarlles a detectar e evitar un emprego incorrecto destes medios”.

Así, a campaña basea a súa eficacia na implicación activa da rapazada en dinámicas que favorezan o coñecemento das situacións de ciberacoso ou de risco, á vez que se lles dan ferramentas para saber como actuar se o sofren directamente ou recoñecen a outras persoas nesas situacións. Para iso, a iniciativa desenvólvese a través de grupos de debate nos que os participantes poden compartir respostas, estratexias ou actitudes que interpreten como correctas para previr e facer fronte a comportamentos de acoso. Deste xeito, preséntanselles distintas situacións como que alguén publique fotos súas sen o seu permiso, a mofa nun grupo de Whatsapp ou redes sociais dun compañeiro ou que unha persoa descoñecida os agregue nun multixogo en liña e lles pida falar a través dun chat privado.

Ademais, poráselles en contacto con testemuñas de casos reais que teñan sufrido ciberacoso. A campaña complétase coa participación de creadores de contido dixital afíns a estas franxas de idade “que lles darán consellos de primeira man”, como apuntou Lara Meneses. Trátase de persoas como Paula Quintela, Miguel Mandayo ou Santiago Caamaño, coñecido como Champi Muros.

Tras o arranque a principios deste mes en Chantada e o seu paso por Betanzos,  a campaña fixo parada hoxe en Ourense coa participación do alumnado do colexio Divino Maestro. O percorrido continuará agora por Lalín, Noia e Tui.

Data de actualización: 26/03/2026