Galicia reivindica un modelo de financiamento que coloque as necesidades de gasto das comunidades por riba da súa capacidade tributaria

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, participou na mesa redonda sobre a reforma do financiamento autonómico, organizada por FUNCAS

Subliñou que as comunidades con menor capacidade tributaria verían limitada a súa marxe para reforzar servizos esenciais como a sanidade, a educación ou a dependencia, xerándose un escenario de desigualdade crecente entre os cidadáns

Rexeitou un modelo que penaliza a Galicia, dándolle menor peso na ponderación á dispersión e ao avellentamento, dous dos factores que máis condicionan o custo real dos servizos públicos no territorio galego

Considerou que a reforma do sistema de financiamento debe orientarse a perfeccionar o modelo vixente, mantendo a súa arquitectura básica de funcionamento pero corrixindo aqueles defectos que se puxeron de manifesto ao longo dos anos en que estivo en vigor

Madrid, 27 de marzo de 2026

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, reivindicou hoxe un modelo de financiamento que coloque as necesidades de gasto das comunidades para a prestación dos servizos públicos por riba da súa capacidade tributaria.

Durante a súa participación na mesa redonda: A reforma do financiamento autonómico, unha análise da proposta presentada, organizada por FUNCAS, Corgos incidiu no rexeitamento do Goberno galego á proposta dun novo modelo do Sistema de Financiamento Autonómico. Un modelo no que se substitúe a solidariedade pola ordinalidade, recordou, de xeito que as CC.AA. recibirían recursos en función do que achegan ao fondo común, en lugar de facelo en función do que precisan para prestar os servizos públicos para a cidadanía en condicións de igualdade.

“No novo modelo proposto o criterio da ordinalidade ten unha maior relevancia que criterios como o da igualdade e o da solidariedade, principios constitucionais que resultan menoscabados con esta reforma”, abundou, subliñando que as comunidades con menor capacidade tributaria verán limitada a súa marxe para reforzar servizos esenciais como a sanidade, a educación ou a dependencia, xerándose un escenario de desigualdade crecente entre os cidadáns, condicionados polo lugar onde residan.

Nesta liña, resaltou que aínda que se anuncie unha inxección adicional de máis de 20.000 millóns de euros en 2027, o volume global de recursos non compensa un deseño que altera a lóxica redistributiva do sistema, xa que “a cuestión –aseverou-, non é canto se reparte, senón baixo que criterios se fai”.

Miguel Corgos rexeitou un modelo que penaliza a Galicia, dándolle menor peso na ponderación á dispersión (que pasa do 0,6% ao 0,5% do total do modelo) e ao avellentamento (pasa do 8,5% ao 7%), dous dos factores que máis condicionan o custo real dos servizos públicos no territorio galego.

Perfeccionar o modelo vixente

Diante deste panorama, o responsable da Facenda galega considerou que a reforma do sistema de financiamento debe orientarse a perfeccionar o modelo vixente, mantendo a súa arquitectura básica de funcionamento pero corrixindo aqueles defectos
que se puxeron de manifesto ao longo dos anos en que estivo en vigor.

“O novo modelo debe ter como finalidade esencial garantir a cobertura axeitada das necesidades de gasto derivadas da prestación dos servizos públicos de competencia autonómica”, dixo, insistindo en que a determinación rigorosa das necesidades de gasto deben constituír o elemento nuclear na configuración do novo modelo. 

Así mesmo, resaltou que o mecanismo de nivelación debería ser de carácter total, de forma que se igualen os recursos dispoñibles por habitante axustado entre as distintas comunidades autónomas.

“Deste xeito, o modelo que propoñemos tería só tres fondos: un similar ao actual Fondo de Garantías pero cunha nivelación do 100% e no que o reparto se realizaría unicamente en función da poboación axustada; outro similar ao actual Fondo de Suficiencia, pero destinado soamente a financiar as competencias non homoxéneas; e un Fondo statu quo, para aquelas comunidades que resulten prexudicadas co cambio de modelo, e aplicable durante un período transitario duns 5-10 anos”, explicou, facendo fincapé en que, pola contra, un modelo que pivote fundamentalmente sobre as capacidades tributarias dos territorios vulneraría ou debilitaría principios fundamentais como a solidariedade interterritorial, a suficiencia financeira, a equidade, a transparencia, a corresponsabilidade fiscal e o garante do acceso de todos os cidadáns aos servizos públicos en condicións de igualdade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/03/2026