A Xunta impulsa a través do CIFP As Mercedes un proxecto tecnolóxico pioneiro que consiste nunha unidade móbil de drons ao servizo de Protección Civil

A directora xeral de FP e o delegado do Goberno galego en Lugo participan na presentación desta iniciativa que se desenvolve no marco dun acordo co concello

Trátase dunha furgoneta equipada como centro operativo móbil con capacidade para intervir en incendios forestais, busca de persoas desaparecidas, avaliación de riscos ou control de eventos

Lugo, 27 de marzo de 2026

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participaron hoxe na presentación dun proxecto tecnolóxico pioneiro desenvolvido polo Centro Integrado de FP As Mercedes que consiste nunha unidade móbil de drons destinada a apoiar as intervencións da Protección Civil en situacións de emerxencia onde se combina innovación aplicada, formación técnica e servizo á sociedade.

A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP salientou que o proxecto impulsado pola Xunta no marco dun acordo de colaboración co Concello de Lugo é un exemplo “da transferencia de coñecemento” dos centros de Formación Profesional “á vida real”, así como “da importancia da colaboración interinstitucional” dando lugar a “iniciativas palpables” coma esta, ao tempo que reforza “os vínculos do centro coa súa contorna socio-económica”.

O deseño e posta en marcha desta furgoneta equipada como centro operativo móbil, desenvolvida no marco das iniciativas formativas e de innovación do CIFP As Mercedes, dependente da Xunta, contou coa participación activa do profesorado (que coordina tecnicamente o proxecto) e alumnado das diferentes familias profesionais do centro, implicado en todas as fases do proceso a través das cales adquire experiencia práctica.

En especial, cómpre destacar a participación dos ciclos de Aeromecánica, para a montaxe, mantemento e verificación operativa dos sistemas aéreos non tripulados; de Eficiencia enerxética, para os sistemas de alimentación, e de Emerxencias e Protección Civil, para a definición de protocolos de actuación e análise de escenarios reais.

A unidade está deseñada para actuar como un centro operativo de emerxencias, con capacidade para intervir en incendios forestais, busca de persoas desaparecidas, avaliación de riscos ou control de eventos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/03/2026