O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, asistiu á inauguración en Sober, acompañado polo director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria
López Campos enxalza a contribución da Feira do Viño de Amandi ao patrimonio etnográfico da Ribeira Sacra
O representante do Goberno galego destaca que a viticultura heroica da zona está integrada entre os atributos excepcionais da candidatura a Patrimonio Mundial
Sober (Lugo), 27 de marzo de 2026
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, asistiu hoxe, no concello lucense de Sober, á inauguración da Feira do Viño de Amandi, á que enxalzou “pola súa contribución ao patrimonio etnográfico da Ribeira Sacra, vencellado coa cultura do viño, e por reflectir con autenticidade as formas propias de socializar, celebrar e vivir en comunidade dos nosos pobos”.
Acompañado polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, o titular de Cultura do Goberno galego salientou como elementos singulares desta zona as súas vides, “que conforman unha paisaxe singular e única da chamada viticultura heroica” e que lembrou que están integradas “entre os excepcionais atributos que se recollen na candidatura da Ribeira Sacra. Paisaxe da auga, da que estamos confiados en que este ano acabará formando parte da Lista de Patrimonio Mundial da Unesco”, aseverou.
Ao respecto, lembrou que se está xa na recta final do proceso da candidatura, ante a avaliación final que terá lugar en xullo en Busán, cidade de Corea do Sur, “unha cita para a que as expectativas son boas despois do traballo técnico rigoroso realizado”, asegurou. Neste senso, o conselleiro queixo agradecer a “total colaboración” do Goberno central e da administracións dos 26 concellos de Lugo e Ourense que integran a Ribeira Sacra “e especialmente, hoxe, aproveitando esta feira, a toda a veciñanza, como a de Sober, implicada desde o minuto un do proceso”, concluíu.