A Xunta reflicte a aposta pola prevención e extinción de incendios forestais a todos os niveis na actualización do Pladiga 2026

A conselleira do Medio Rural presidiu hoxe a xuntanza do Consello Forestal, na que debullou as principais novidades incluídas neste documento

María José Gómez destacou nova aplicación móbil que se está a desenvolver para alertar sobre lumes; así como o incremento do 30 % na rede de videovixilancia, con 241 cámaras en 111 puntos

En materia de persoal, indicou que se incorporarán 42 novas brigadas de catro compoñentes para reforzar o dispositivo durante a campaña de alto risco e ampliaranse as prazas da UDEX, unha unidade especializada en grandes incendios

Puxo de relevo tamén o aumento do orzamento do convenio para a xestión da biomasa nas faixas secundarias, que ascende a 25 millóns anuais, e a través do cal se presta apoio ás administracións locais e propietarios no cumprimento das súas obrigas

Boqueixón (A Coruña), 27 de marzo de 2026

A Consellería do Medio Rural reflicte a súa aposta pola prevención e extinción de incendios forestais con reforzos a todos os niveis na nova actualización do Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (Pladiga) correspondente ao ano 2026. Así o destacou a titular deste departamento, María José Gómez, que na mañá de hoxe presidiu a xuntanza do Consello Forestal, na que debullou algunhas das principais novidades deste documento.

A conselleira indicou que este ano se ampliará a rede de videovixilancia con 241 cámaras en 111 puntos, un 30 % máis que o ano pasado. Ademais, incorpórase intelixencia artificial ao sistema interno de xestión, o que permitirá a detección automática e inmediata de fume e focos iniciais. Disporase tamén de tres novos drons de última xeración que actuarán, principalmente, naquelas zonas de difícil acceso ou nas que non sexa posible cubrir co sistema de videovixilancia. Co fin de favorecer a colaboración da cidadanía na prevención, estase a desenvolver unha nova aplicación móbil a través da cal se poderá alertar sobre incendios forestais. Prevese que esta app estea operativa no mes de xullo e será unha canle complementaria ao 085.

A maiores, e dentro do plan de prevención que se inclúe no Pladiga, está previsto levar a cabo traballos en máis de 33.800 hectáreas, un 70 % máis con respecto ao 2025. Este tipo de actuacións consisten na creación de áreas cortalumes, faixas auxiliares de pista ou tratamentos silvícolas, a maiores das axudas a comunidades de montes e concellos para realizar tarefas preventivas.

Máis persoal e medios aéreos

En relación coas novidades no eido de persoal, incorporaranse 42 novas brigadas de catro compoñentes para reforzar o dispositivo durante a campaña de alto risco. A Unidade de Directores de Extinción (UDEX), especializada no novo tipo de lumes rexistrados nos últimos anos, verase reforzada, ao pasar de 6 a 15 compoñentes.

Con respecto aos medios materiais, increméntase a cifra de medios áereos coa contratación de dous novos avións de carga en terra, un de coordinación e un helicóptero pesado. Polo tanto, serán 24 os medios aéreos dependentes da Consellería, aos que cómpre engadir os dependentes do Goberno central. Incorpóranse tamén 16 novos bulldózeres que se suman aos 18 lotes de maquinaria pesada xa despregados, e que realizarán tarefas preventivas.

Por outra banda, a conselleira asegurou que se seguirá a avanzar na mellora das infraestruturas, con actuacións nas bases aéreas existentes e na construción doutras novas, como son a nova base de Lalín ou o aeródromo de Valga. 

Reforzo do convenio de xestión da biomasa nas faixas secundarias

María José Gómez destacou o aumento do orzamento do convenio para a xestión da biomasa nas faixas secundarias, que ascende a 25 millóns anuais, o dobre que o anterior. A través desta colaboración coa empresa pública Seaga préstase apoio ás administracións locais e aos propietarios para que poidan cumprir coas súas obrigas. Ofrécese axuda para realizar execucións subsdiriarias, así como para a elaboración das notificacións e do plan de prevención, entre outros servizos. Neste sentido, puxo de relevo que hai xa 284 concellos galegos adheridos a este convenio.

A conselleira incidiu de novo en que a prevención é unha prioridade para o Goberno autonómico. Todas estas novidades complementaranse coa aposta pola formación do persoal, tendo o Centro Integral de Loita contra o Lume de Toén como referente, e pola investigación, grazas ao labor que se desenvolve desde a Unidade de Investigación de Incendios Forestais. Cabe sinalar que o Pladiga “ é un documento vivo”, asegurou a conselleira, que se actualiza anualmente, pero está sempre vixente.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/03/2026