A Xunta destaca o valor da ‘Moexmu’ para animar á remuda xeracional no sector agrogandeiro
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou hoxe na presentación da 42º edición da Mostra Exposición de Muimenta, que conta un ano máis coa colaboración do Goberno galego
Cospeito (Lugo), 6 de abril de 2026
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou hoxe o valor da Mostra Exposición de Muimenta (Moexmu) para animar á remuda xeracional no sector agrogandeiro.
Arias participou na presentación da 42ª edición da feira, que se celebra esta fin de semana no recinto Manuel Vila co apoio do Goberno galego. No acto estivo o alcalde de Cospeito, Armando Castosa; o xerente da Moexmu, José Manuel Rus; e membros da comisión organizadora, entre outras persoas.
O delegado subliñou que a Moexmu funciona como “un dos grandes puntos de encontro do sector agrogandeiro de Galicia”, no que “gandeiros, profesionais, empresas e entidades do ramo teñen un espazo para compartir coñecemento, innovación e oportunidades de futuro”.
Valorou en especial a aposta por implicar á xente nova, xa que a súa incorporación ao agro representa “a mellor garantía de futuro para o noso rural”. Nese sentido, salientou as medidas da Consellería do Medio Rural para favorecer a remuda xeracional, cunha orde de axudas específica para o establecemento de persoas agricultoras mozas dotada con 23 millóns de euros. Arias lembrou que as axudas da actual convocatoria aínda poden solicitarse ata este xoves, 9 de abril.
A Moexmu despregará entre o venres 10 e o domingo 12 de abril un intenso programa que inclúe dous certames de gando frisón: o 40º da Moexmu e o 34º Concurso Autonómico de Raza Frisona da Federación Frisona Galega (Fefriga). Ademais figuran citas clásicas como a 40ª Exposición de Raza Rubia Galega, a 30ª Poxa de Gando Selecto, o 25º certame de Xóvenes Manexadores e o 5º de Xóvenes Peladores, entre outras actividades.