A Xunta participa na presentación da campaña de dinamización ‘Días Azuis do Comercio Galego’ co gallo de incentivar as compras nos establecementos locais

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, asistiu ao acto de lanzamento desta iniciativa, impulsada en colaboración coa Federación Galega de Comercio, que terá lugar entre o 10 e o 30 de abril de 2026

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2026

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou esta mañá na presentación da nova edición da campaña Días Azuis do Comercio Galego, froito da colaboración entre o Executivo autonómico e a Federación Galega de Comercio, que se desenvolverá entre o 10 e o 30 de abril de 2026.

No acto, no que tamén estivo o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, explicouse que a iniciativa ten como obxectivo incentivar e dinamizar o comercio de proximidade. Para iso, sortearanse 20.000 euros en premios entre as persoas consumidoras que realicen compras nos establecementos adheridos durante o período da campaña. En concreto, repartiranse 44 tarxetas prepago por valor de 250 euros —11 por cada provincia galega— e outras 60 de 150 euros —15 por cada provincia— para gastar nos comercios minoristas galegos. Ademais, celebrarase un gran sorteo final en directo previsto para o mes de maio entre as persoas asistentes ao acto de entrega de premios, no que se outorgará un premio adicional de 2.500 euros, que deberá empregarse nunha única xornada de compras na localidade elixida pola persoa gañadora.

Gabriel Alén salientou a efectividade desta campaña, que na súa última edición contribuíu a incentivar máis de 134.000 vendas en máis de 160 localidades galegas e mobilizou arredor de 3,5 M€ no comercio de proximidade da comunidade. Así mesmo, puxo en valor a importancia da colaboración con entidades como a Federación Galega de Comercio, no marco das actuacións do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, co que o Goberno galego está a impulsar e reforzar o tecido comercial de proximidade cun investimento global de 320 M€.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/04/2026