Belén do Campo destaca a apertura do prazo para a adhesión dos negocios á campaña dos Bonos Activa Comercio 2026 nunha visita a 4 establecementos xa adheridos
A delegada da Xunta lembrou que a apertura do prazo para participar nesta iniciativa é un paso previo á activación dos bonos para a cidadanía, cuxos prazos se concretarán nas correspondentes convocatorias
A Coruña, 10 de abril de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou hoxe varios establecementos Perfumerías Garrote, Handicap Cero, Otero e o Faro dos Tres Mundos, da área comercial Distrito Picasso, acompañada polo director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, José Couce e polo vicepresidente do Distrito Picasso, Angel Soto, para anunciar que hai uns días se abriu o prazo de adhesión para os negocios interesados en participar na campaña dos Bonos Activa Comercio 2026. Estos catro negocios xa están adheridos. A delegada informou que a día de hoxe xa están adheridos na provincia 1.462 establecementos e na cidade da Coruña 254.
A representante autonómica explicou que o Diario Oficial de Galicia publicou, o 27 de marzo, a orde que regula esta iniciativa, permitindo que os establecementos se inscriban unha única vez para todas as edicións que se convoquen ao longo do ano. Segundo subliñou, este sistema, implantado o pasado ano, supón un avance na simplificación administrativa e facilita a participación do tecido comercial.
Durante a súa visita, a delegada puxo en valor a boa acollida desta campaña en edicións anteriores, o que levou ao Goberno galego a revalidar o seu compromiso cun crédito inicial de 5 millóns de euros para este 2026. “O obxectivo é seguir incentivando o consumo e apoiar tanto ás persoas consumidoras como aos pequenos comercios, que son clave para a economía local”, sinalou.
A delegada lembrou que a apertura do prazo de adhesión é un paso previo á activación dos bonos para a cidadanía, cuxos prazos se concretarán nas correspondentes convocatorias. Como en edicións anteriores, os bonos estarán dispoñibles en formato dixital a través da plataforma habilitada. www.bonosactivacomercio.gal.
Así mesmo, destacou os resultados acadados en 2025, cando a iniciativa mobilizou máis de 22 millóns de euros en vendas e permitiu realizar preto de 400.000 compras en máis de 7.400 establecementos de toda Galicia, consolidándose como unha das medidas de maior impacto no sector.
Plan Estratéxico do Comercio de Galicia
A responsable autonómica incidiu en que esta iniciativa forma parte do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, deseñado en colaboración co sector para fortalecer os máis de 32.000 establecementos comerciais da comunidade que dan emprego a preto de 107.000 persoas en Galicia.
Neste sentido, lembrou tamén outras liñas de apoio ao sector como as axudas para este ano por case 4 M€ con tres liñas compatibles entre si orientadas á dixitalización e innovación comercial, á modernización, mellora da imaxe e eficiencia e á sostibilidade ambiental. Tamén os apoios para a impulsar as actividades dos centros comerciais abertos da Comunidade, co obxectivo de reforzar a súa excelencia e a capacidade de dinamización das contornas nas que se integran (2,5 M€), o proxecto de dinamización Vilas Vivas ou o impulso da formación para avanzar na profesionalización do sector.
Finalmente, a delegada reafirmou o compromiso da Xunta co comercio de proximidade, destacando o seu papel esencial na dinamización económica e social das cidades e vilas galegas.