Belén do Campo destaca o impacto das axudas da Xunta para apoiar aos establecementos de aloxamento e restauración e lembra que ata o 13 de abril está aberto o prazo desta orde

A delegada da Xunta lembrou que esta nova convocatoria está dotada cun total de 4,5 millóns de euros, dos cales 3,5 millóns destínanse a proxectos de aloxamento e 1 millón a restauración. As axudas poderán cubrir ata o 60% do orzamento total das actuacións, cun máximo de 60.000 euros por proxecto

Vilarmaior (A Coruña), 10 de abril de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo,  A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Vilarmaior, Carlos Vázquez Quintian, visitou hoxe o albergue Alvarella Ecoturismo, un dos establecementos beneficiario das subvencións destinadas á mellora de infraestruturas turísticas de aloxamento e restauración.

En concreto, o establecemento recibiu unha achega de preto de 9.000 euros para actuacións de modernización das súas instalacións. Grazas a este apoio, leváronse a cabo diversas intervencións. Por unha banda, executáronse obras no pavillón correspondente aos cuartos 1 a 6, consistentes na instalación dunha reixa de desaugadoiro para recoller as augas pluviais e evitar inundacións na zona. Esta actuación dá continuidade a unha reforma similar realizada en 2017 no pavillón dos cuartos 7 a 12. Ademais, na área de aparcamento instalouse outra reixa para a recollida de augas superficiais.

No ámbito do equipamento, substituíronse un total de 20 portas —correspondentes a baños e cuartos— xunto cos seus premarcos, debido á súa deterioración. Así mesmo, renováronse os zócalos dos 12 cuartos do albergue.

Durante a visita, a delegada lembrou que esta liña de axudas contou, o pasado ano, cun orzamento de 4,5 millóns de euros, dos cales 3,5 millóns destináronse a establecementos hoteleiros e 1 millón a restaurantes, concedéndose un total de 212 axudas. Na provincia da Coruña, en total recibiron estas achegas 59 negocios, dos cales 37 so aloxamentos e 22 restaurantes. Na comarca de Betanzos, ademais do albergue Alvarella, tamén resultou beneficiario o Caserío do Tión, con preto de 40.000 euros para a renovación e modernización das súas instalacións.

Nova orde

Belén do Campo sinalou tamén que continúa aberto o prazo da convocatoria de 2026 para estas axudas dirixidas á mellora de infraestruturas turísticas. As persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes a través da sede electrónica ata o 13 de abril, inclusive.

Esta nova convocatoria está dotada cun total de 4,5 millóns de euros, dos cales 3,5 millóns destínanse a proxectos de aloxamento e 1 millón a restauración. As axudas poderán cubrir ata o 60% do orzamento total das actuacións, cun máximo de 60.000 euros por proxecto.

Entre as actuacións subvencionables inclúense obras para a obtención de certificacións de calidade —especialmente a Q de Calidade Turística—, a adaptación a cambios normativos, a mellora da clasificación dos establecementos, así como proxectos de renovación, modernización e embelecemento da contorna. Tamén se financiarán investimentos en equipamento, melloras de accesibilidade e eliminación de barreiras arquitectónicas, sistemas de climatización e ventilación máis eficientes, dixitalización da xestión e comercialización, e medidas de seguridade e saúde na prestación de servizos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/04/2026