Os premiados lucenses nos certames Xuventude Crea e Iniciativa Xove darán a coñecer as súas propostas este mércores na sede da Xunta

A Delegación Territorial acollerá ás 19,00 horas a I Gala Talento Xove Lucense, con presentacións e exhibicións de danza moderna, teatro amador, fotografía, videoxogos e videocreación

Lugo, 13 de abril de 2026

A Delegación Territorial da Xunta acollerá este mércores, 15 de abril, a I Gala Talento Xove Lucense, na que se fará un recoñecemento aos 12 proxectos de mozos e mozas da provincia galardoados nos premios Xuventude Crea e Iniciativa Xove 2025, convocados pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

O delegado territorial, Javier Arias, informou hoxe sobre a iniciativa xunto co director territorial da Consellería, Manuel Antonio Fernández; e a directora do Xove Coro de Lugo, Claudia Rico, que conducirá a gala. O acto será ás 19,00 horas no salón de actos, con entrada libre.

Arias apuntou que o obxectivo é visibilizar “a gran calidade e a orixinalidade” das obras seleccionadas nestes certames, que buscan estimular a creatividade, a formación e o espírito emprendedor entre a xente nova.

No caso do Xuventude Crea, os autores e autoras presentarán as propostas coas que gañaron ou quedaron finalistas en varias das categorías convocadas. Así, haberá exhibicións de danza moderna e teatro amador, unha exposición de fotografías e presentacións de banda deseñada, dun videoxogo e dunha videocreación.

Ademais, darase a coñecer o proxecto Semente Coral, encabezado por Pablo Rico, que recibiu o premio Iniciativa Xove 2025 xunto a outros cinco galegos. A proposta lucense céntrase na organización de concertos didácticos de canto coral en centros de ensino para fomentar este tipo de música entre a rapazada.

Xuventude Crea

Na 16ª edición dos Xuventude Crea, á que concorreron máis de 600 persoas, foron seleccionadas 10 obras de participantes do municipio de Lugo e unha de Cervo – esta última quedou finalista en poesía -.

Lugo tivo especial protagonismo na categoría de danza moderna, cun primeiro premio para Miguel Figueiro por Yo Quisiera e o segundo para Uxía Alonso e Mateo Usera, por Perigo de extinción. O terceiro foi compartido, e unha das gañadoras foi Irene Sisto por Negra Sombra. Ademais, Ana García e Emma Cruz resultaron finalistas con Fénix.

En teatro amador, foron recoñecidos co primeiro premio Os Palimoquiños, da compañía Palimoco Teatro, coa obra Zulo. O primeiro posto da especialidade de videoxogos tamén recaeu nun lucense, Javier Mayor, por Kitty Witchy.

Na categoría de poesía, foron finalistas Óscar Baamonde (Lugo), por Folla en branco; e Bárbara Leiro (Cervo), por A cidade compostelá. Tamén quedaron finalistas tres lucenses nas modalidades de fotografía – Uxía Rois, por Metamorfose -; videocreación – Antón Manuel Carral, por Maleza -; e banda deseñada – María Xoana Nogueira, por Coraxe -.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/04/2026