Medio Rural promociona a calidade diferenciada galega na 39 edición do Salón Gourmets
Madrid, 14 de abril de 2026
A titular de Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, visitou hoxe o espazo co que conta a Consellería na 39 edición da feira gastronómica Salón Gourmets, que se está a celebrar estes días no IFEMA de Madrid. Alí, sinalou este tipo de eventos como escenarios nos que poder promocionar a calidade diferenciada dos produtos agroalimentarios galegos.
Neste sentido, a Consellería do Medio Rural participa na feira da man dunha trintena de empresas agroalimentarias acollidas a algún selo de calidade e conta cun espazo propio de 547 metros cadrados no que se está desenvolvendo un amplo programa de actividades. A conselleira afirmou que a participación no Salón Gourmets, así como noutras feiras deste tipo, é especialmente beneficiosa para os produtores, ao configurarse como un escaparate no que atopar diferentes perfís de consumidores e abrir as elaboracións gastronómicas a novos mercados, tanto nacionais como internacionais. ”É un escaparate da Galicia Calidade pola que se nos recoñece”, destacou.