A unidade mixta de Coren, Sertogal e a Uvigo incorporará tecnoloxías dixitais avanzadas ás granxas
O conselleiro de Ciencia, Román Rodríguez, visita a planta do grupo Coren para coñecer a alianza investigadora cun proxecto punteiro no sector avícola de carne
A Xunta destina 1,8 M€ a esta unidade mixta de investigación para a UVigo, que impulsará un modelo de produción sustentable, dixitalizado e baseado na saúde e benestar animal
É unha das sete novas unidades apoiadas nunha convocatoria dotada con 11 M€ e que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia
Ourense, 14 de abril de 2026
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou esta mañá a planta do grupo Coren en Ourense para coñecer o proxecto de investigación alimentaria no que traballará conxuntamente coa Universidade de Vigo e a empresa Sertogal. Esta nova unidade mixta de investigación, chamada Sostenave, á que a Xunta de Galicia destina 1,8 M€, incorporará tecnoloxías dixitais avanzadas ás granxas e optimizará procesos produtivos para contribuir á sustentabilidade e calidade da avicultura de carne galega. O conselleiro destacou o avance no campo da I+G+i que supoñen as alianzas entre empresas e universidades galegas, situando a ciencia e a investigación feitas en Galicia na vangarda.
O conselleiro de Ciencia, acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, destacou a contribución desta liña de axudas a impulsar a transferencia de coñecemento desde os centros de I+D ao tecido empresarial e a mellorar a competitividade das empresas galegas, así como a desenvolver as capacidades dos organismos de investigación. Na visita participaron o conselleiro e controller do Grupo Coren, Alberto Requejo, a vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo, María Belén Rubio Armesto, o vicerreitor do Campus de Ourense da Uvigo, Francisco Javier Rodríguez Rajo, e o director de Sertogal, Sergio Rodríguez.
Esta unidade mixta de investigación, que conta cun orzamento total de preto de 4,4 M€, é unha das sete novas creadas na última convocatoria, como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG). Neste senso, o conselleiro apuntou que desde 2014 a Xunta leva apoiadas 64 unidades mixtas nas que teñen participado 52 empresas e 16 centros de coñecemento galegos mobilizando máis de 180 M€.
A través desta colaboración público-privada perséguese abordar dun xeito integral os principais retos do sector, desde a nutrición e o manexo na granxa ata o procesado e a valorización de subprodutos, incorporando a economía circular, a eficiencia enerxética e as tecnoloxías dixitais avanzadas. Deste xeito, Sostenave pretende impactar directamente na competitividade e resiliencia do sector agroalimentario galego, contribuíndo á súa descarbonización, ao uso eficiente dos recursos e á oferta de alimentos máis seguros, saudables e de alto valor engadido. Para isto conta coa experiencia do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación e do Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais da Universidade de Vigo, que lidera o consorcio ; o papel tractor de Coren, que identifica as necesidades reais da industria, aporta unha contorna de validación e garante a aplicabilidade e a transferencia dos resultados, e os coñecementos de Sertogal, peme ourensá especializada en solucións de dixitalización e modelización avanzada aplicadas a procesos industriais e agroalimentarios.
11 M€ para apoiar dez unidades de investigación
Esta visita coincide coa publicación no DOG da resolución da nova convocatoria desta liña de axudas, cofinanciada con fondos europeos do programa Galicia Feder 21-27. A través desta resolución a Xunta facilitará a creación de sete novas unidades e permitirá a tres xa existentes evolucionar de fase. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidade e FP destaca que con este investimento público de 11 M€ mobilizará máis de 27,6 M€ de capital público-privado.
As unidades mixtas desenvolverán os seus proxectos en sectores estratéxicos como a saúde, a alimentación, a enerxía, a mobilidade sostible, a acuicultura ou o naval. Esta liña enmárcase no programa Activa I+G+i de apoio á colaboración entre empresas e á transferencia efectiva de resultados, ao que a Xunta destina máis de 41 M€ a través de catro grandes convocatorias : Nexos (22,6 M€), Fortalecemento de centros tecnolóxicos (6 M€), Recuperación de excelencia Neotec (1,6 M€) e, agora, Unidades Mixtas de Investigación (11,05 M€).