A débeda pública de Galicia representa só un 3,52 % da débeda do conxunto das CC.AA., o mellor dato da historia
A ratio de débeda PIB galega sitúase no 13,9 %, fronte ao 20,2 % da media autonómica e por baixo das previsións iniciais contidas nos Orzamentos 2025, que eran do 14,1 %
O secretario xeral Técnico e do Tesouro indicou na Comisión 3ª do Parlamento que “nunca a débeda galega pesou menos no conxunto de España”
Santiago de Compostela, 14 de abril de 2026
A débeda pública de Galicia representa só 3,52 % do total da débeda do conxunto das comunidades, o mellor dato de toda a serie histórica, que comeza no ano 1994. Ademais, a ratio de débeda PIB galega sitúase no 13,9 %, fronte ao 20,2 % da media autonómica e por baixo das previsións iniciais contidas nos Orzamentos 2025, que eran do 14,1 %.
O secretario xeral Técnico e do Tesouro da Consellería de Facenda e Administración Pública, David Cabañó, compareceu hoxe a petición propia na Comisión 3ª do Parlamento para dar conta do endebedamento da Comunidade Autónoma de Galicia ao peche do exercicio de 2025. Alí indicou que “nunca a débeda galega pesou menos no conxunto de España”.
David Cabañó explicou que os datos do Banco de España poñen de manifesto que a débeda de Galicia é 6,3 puntos menor que a media das comunidades o que “se facemos o exercicio de converter eses puntos en millóns” significa máis de 5.000 millóns de euros menos que a media. Unha débeda que “non vai ter que pagar ningún galego cos seus impostos”, porque é débeda que Galicia non emitiu, co conseguinte aforro de 100 M€ en xuros nos orzamentos.
Menos débeda que no 2012
Para o secretario xeral Técnico e do Tesouro, os datos poñen de manifesto que Galicia continúa na senda da redución do endebedamento, estando as cifras de 2025 por baixo dos niveis de 2012. Desde o nivel de débeda máximo alcanzado en 2020, por mor da crise sanitaria, Galicia reduciu o seu ratio nun 29 %.
Para o secretario xeral Técnico de Facenda, “agás circunstancias extraordinarias”, esta senda descendente vai continuar nos vindeiros anos, e polo tanto “Galicia alcanzará proximamente ese obxectivo do 13 % que marca a lei de estabilidade orzamentaria”.
Financiamento sostible
Tamén desde o ano 2020 Galicia formaliza unha parte cada vez máis significativa do seu endebedamento en formato sustentable, a través de préstamos e emisións de bonos tanto verdes como sociais. No 2025, o 62 % do programa de endebedamento formalizouse en formato sostible.
David Cabañó quixo poñer en valor a mellora das cualificacións crediticias por parte das axencias de rating, que se fundamentan no “sólido e continuado crecemento económico de Galicia, o bo desempeño orzamentario e o moderado nivel de débeda”.
Endebedamento a curto prazo
A falta de Orzamentos na Administración do Estado está a ter, de novo, consecuencias no financiamento das Comunidades Autónomas. O secretario xeral Técnico de Facenda explicou que “ao non actualizarse automaticamente os importes das entregas a conta do Sistema de Financiamento Autonómico” hai unha perda mensual de ingresos que produce tensións de liquidez, co conseguinte custe financeiro polo pagamento do xuros.
David Cabañó estimou que, no caso de que a actualización das entregas do 2026 se produza como no exercicio pasado, “o custe financeiro que deberá asumir a Xunta de Galicia superaría os 8M€”.