A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, interveu hoxe na clausura do II Congreso Nacional de Relevo Xeracional

Lorenzana avoga por abordar o relevo xeracional como unha política económica de primeiro nivel

“Un país avanza cando crea novas empresas e é quen de preservar, modernizar e facer crecer as que sosteñen a súa capacidade produtiva”, di

Chama a aproveitar a transmisión empresarial para “facer compañías máis produtivas, máis innovadoras e para competir”

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 15 de abril de 2026

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, avogou hoxe por abordar o relevo xeracional como “unha política económica de primeiro nivel” porque, dixo, “un país avanza cando crea novas empresas e é quen de preservar, modernizar e facer crecer as que sosteñen a súa capacidade produtiva”.

Durante a súa intervención na clausura do II Congreso Nacional de Relevo Xeracional, Lorenzana considerou que “cando unha empresa viable desaparece por falta de continuidade non estamos perdendo unicamente un negocio, estamos perdendo capacidade produtiva, coñecemento técnico, emprego especializado, provedores de proximidade e un elo da cadea de valor”, abondou.

Segundo dixo, o relevo xeracional é, ao mesmo tempo, política industrial, de emprego e de cohesión social. Unha cuestión que “transcende o ámbito empresarial para converterse nun auténtico reto de país -dixo-, que non se sostén unicamente de proxectos tractores”. Terá unha base económica sólida, proseguiu, “se ten unha actividade empresarial consolidada tanto de grandes empresas como de pemes, micropemes e autónomos”.

A conselleira avogou por aproveitar a transmisión empresarial para “facer compañías máis produtivas, máis innovadoras e para competir”. “É un dos retos, pero, tamén, unha das oportunidades que ofrece o releo xeracional”, especialmente para gañar en tamaño empresarial.

Nese sentido volveu insistir no papel clave que xoga a formación, e asegurou que a Xunta de Galicia vai seguir acompañando este proceso con instrumentos útiles, facilitando a transmisión empresarial, conectando talento con oportunidades reais de continuidade e axudando a modernizar aquelas empresas que xa teñen unha base sólida sobre a que crecer

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/04/2026