A Xunta blinda o comedor escolar como referente de calidade con menús comúns e saudables adaptados por motivos médicos, pero non relixiosos ou ideolóxicos
Román Rodríguez explica que Galicia “ten feitos os deberes” grazas ás medidas “tomadas moito antes” de que o Goberno do Estado aprobara o novo real decreto
O conselleiro de Educación xanta no Colexio Plurilingüe de Tenorio, en Cerdedo Cotobade, que reabre logo de sufrir un incendio o pasado mes de febreiro
Sinala que a Xunta é a administración que financia o groso do servizo, con 63,5 M€ anuais, mentres Moncloa “aporta cero euros, incumprindo o seu pacto do goberno”
O Executivo galego serve cada día 62.000 menús, o que supón 11 millóns por curso
Lembra que os comedores da Xunta teñen as taxas conxeladas desde hai 13 anos e que o 80% dos estudantes utilízano de balde ou pagando tan só 1 euro
A Consellería reforzará esta primavera o apoio ás familias cunha nova axuda de ata 150 € para usuarios de comedores públicos de anpas e concellos e de concertados
Cerdedo Cotobade (Pontevedra), 16 de abril de 2026
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, reivindica que Galicia conta cun “moi bo” servizo de comedores escolares, con menús equilibrados e de calidade deseñados e supervisados por nutricionistas grazas ás medidas tomadas nos últimos anos, “moito antes de que o Goberno do Estado aprobase o real decreto que hoxe entra en vigor”.
Así o sinalou hoxe durante unha visita ao Colexio Plurilingüe de Tenorio, en Cerdedo Cotobade onde exerceu coma un comensal máis xunto cuns 250 alumnos que fan uso do servizo neste centro que, ademais, conta cunhas instalacións de cociña renovadas logo dun investimento de case medio millón de euros tras o incendio sufrido en febreiro.
Así pois, Galicia vai seguir ofrecendo menús comúns e saudables e, ademais, garántense os menús adaptados para casos de intolerancias ou alerxias xustificados con certificado médico. “Isto é, sempre haberá menús específicos por motivos de saúde, pero non por motivos relixiosos, ideolóxicos, éticos ou de outra índole”, subliñou.
Mellora permanente do servizo
En xeral, o titular de Educación recalcou que en Galicia a entrada en vigor da normativa estatal “non vai supoñer grandes cambios para o noso día a día, xa que temos os deberes feitos”. “Os nosos menús destacan pola súa calidade previa a que o impuxera ningún real decreto”, abondou. Con todo, asegurou que desde o seu departamento vaise seguir traballando en afianzar “aínda máis” a calidade deste servizo, posto que “sempre hai marxe de mellora”, malia a falta de apoio orzamentario por parte do Goberno central.
De feito, a Xunta é a administración que sostén o groso do servizo de comedor nos centros galegos, cun investimento de 63,5 M€ cada curso. A Consellería serve 62.000 menús diarios nos 432 comedores de xestión autonómica. isto representan un total de 11 millóns de menús cada curso e un investimento diario de 360.000 €.
Sen apoio do Goberno do Estado
“Mentres tanto, o Goberno do Estado impóñenos requisitos de obrigado cumprimento de xeito unilateral, invadindo competencias e sen aportar un só euro”, denunciou o conselleiro, que lembrou, ademais, que están incumprindo “o pacto de goberno asinado entre PSOE e Sumar”, onde se establecía que ían ampliar as axudas para comedor. “Non só non as ampliaron, senón que nin sequera comezaron a concedelas”, denunciou.
Xunto coa súa calidade, Román Rodríguez resaltou que o sistema de comedor escolar de Galicia é un dos “máis xustos e accesibles” do conxunto do Estado. Os comedores de xestión autonómica están organizados en función da renda de cada familia e con tarifas conxeladas desde 2013. Así pois, oito de cada 10 usuarios (o 80%) utilizan o servizo totalmente de balde ou pagando 1 € e tan só o 14% aboa a tarifa máxima de 4,5 €.
Nova liña de axudas ás familias
Atendendo ao compromiso da Xunta de “poñer o foco no apoio ás familias”, Román Rodríguez avanzou que esta primavera entrará en vigor unha nova liña de axudas para quen teñen fillos en Infantil e Primaria que empregan comedores xestionados en centros públicos por anpas e concellos ou comedores de centros concertados, xa que, ata o momento as familias destas tres tipoloxías non recibían apoio para este servizo.
Nestes casos, as familias recibirán da Xunta unha contía que variará en función da renda familiar: serán 150 euros/fillo para os fogares que gañen ata 6.000 euros per cápita ao ano e 100 euros/fillo para os que teñan renda de entre 6.000 e 10.000 euros.
Ademais dos comedores de xestión autonómica, o Goberno galego tamén presta apoio ás anpas que xestionan este servizo cunha convocatoria de axudas que este ano se reforzou nun 10% ata acadar os 1.750.000 €, o triplo que recibían antes da pandemia.
Así mesmo, a Xunta tamén apoia aos concellos para o cofinanciamento dos comedores de xestión municipal a través de convenios de colaboración. Neste caso, nas últimas renovacións tamén se incrementou nun 10% a achega aos mesmos para facer fronte á inflación. E, ademais, o Goberno galego subvenciona o servizo de comedor adaptado para 572 alumnos con necesidades educativas específicas escolarizados en centros especializados en atender á súa discapacidade, a través de convenios con 14 entidades.