A Xunta destaca Riotorto como epicentro da artesanía do ferro

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, asistiu á 17ª edición da Feira do Ferro de Riotorto, un evento monográfico de posta en valor dos oficios vinculados ao ferro

Na programación da xornada inclúense demostracións en vivo de ferreiros, de olería de Buño, de vidro, de cestería e de madeira, obradoiros para nenos e nenas, actuacións musicais e espectáculos

Riotorto (Lugo), 19 de abril de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, asistiu esta mañá á inauguración da XVII Feira do Ferro de Riotorto, un evento de referencia para os profesionais dos oficios artesanais do ferro, que está organizada polo Concello de Riotorto e pola Asociación de Ferreiros desta localidade, co apoio da Xunta. Este evento visibiliza o oficio dos ferreiros e converte a Riotorto no epicentro da artesanía vinculada a estes oficios, ao tempo que funciona como un espazo para que as novas xeracións coñezan o oficio e contribúe a fomentar a remuda xeracional.

Na programación desta 17ª edición inclúense demostracións en vivo a cargo de Manuel Alonso MAF (Riotorto), Forxa Chago (Santiago de Compostela) e Jorge Eiroa Forja (Culleredo) —inscritos en Artesanía de Galicia—, Ferreiros de Riotorto, Friedrich Brasmsteidl, Alberto Leis, Centro de Interpretación de la Forja de Navarra, Ferreiros da Fonsagrada e Obradoiro do Carbón. Ao longo de toda a xornada haberá tamén demostracións doutros oficios como a olería de Buño con Alfarería Aparicio ou de Talla e decorado de cristal con Eugenio Soto (Vigo), ambos os dous obradoiros de Artesanía de Galicia, así como obradoiros de cestería, de torneado e de pirogravado.

A xornada complétase coa actuación do coro de Riotorto, o pregón a cargo do actor Luís Iglesia, obradoiros do ferro para público infantil a cargo de Friedrich Brasmsteidl, actuación de Charanga 555 de Lugo, Nano Rivas e, xa pola tarde, o espectáculo do Mago Lolo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/04/2026