A Xunta colabora coa Asociación Española de Festas e Recreacións Históricas para organizar en Lugo a súa xuntanza anual

Lugo, 17 de abril de 2026

A Xunta colabora coa Asociación Española de Festas e Recreacións Históricas para organizar esta fin de semana en Lugo a súa xuntanza anual, á que asistirán representantes de máis de 50 festas de todo o país. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, reuniuse hoxe co presidente da entidade, Antonio Madrid.

Un dos actos centrais será un desfile multitudinario que reunirá ás diferentes agrupacións, entre elas as do Arde Lucus, recoñecida como Festa de Interese Turístico Internacional e que este ano cumpre 25 edicións.

O percorrido comezará ás 19,30 horas na praza Horta do Seminario e discorrerá polo centro para finalizar na praza da Mosqueira. Grupos de recreación de diferentes épocas e acontecementos históricos compartirán espazo nesta convocatoria, que contará ademais con espectáculos de animación nas rúas.

Así mesmo, a asociación celebrará na cidade a súa asemblea anual ordinaria e outra de carácter extraordinario na que se elixirá a directiva para os próximos catro anos.

A Xunta apoia as xornadas a través da Axencia de Turismo de Galicia, que pon en valor a aposta do colectivo por reunirse na Comunidade por segundo ano consecutivo, despois de que en 2025 o municipio anfitrión fora Xinzo de Limia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/04/2026