A Xunta leva a iniciativa ‘Prato de mercado’ a Vigo no marco da súa aposta por consolidar as sinerxías entre as prazas de abastos e a gastronomía galega

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, participaron hoxe —no mercado do Calvario— no encontro coa hostalaría local Do mercado aos teus pratos

Previamente, asistiron ao acto de inauguración da campaña co gallo do Día da Nai do Centro Comercial Aberto As Travesas, apoiada pola Xunta

Vigo, 21 de abril de 2026

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, participaron hoxe —no mercado do Calvario de Vigo— no encontro coa hostalaría local Do mercado aos teus pratos, enmarcado na iniciativa autonómica Prato de Mercado e que contou cunha trintena de chefs da cidade que son tamén clientes habituais das prazas de abastos. Posteriormente, celebrouse unha mesa redonda e showcooking baixo o título Diálogos de cociña e mercado, unha proposta que pon no centro a conexión entre as prazas de abastos, a gastronomía e o produto de proximidade.

O director xeral destacou que, dentro do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, a Xunta de Galicia continúa así apostando polo impulso dos mercados e prazas de abastos como motores da economía local e referentes de produto fresco, de calidade e proximidade. Puxo de relevo o papel esencial que teñen os produtos locais de mercado para os cociñeiros e cociñeiras de Galicia e a necesidade de aproveitar as sinerxías deste sector na promoción das prazas de abastos.    

Nesa liña, Alén salientou o compromiso da Xunta cos mercados —preto de 100 en toda Galicia distribuídos en 76 municipios—­, que continúan a ser espazos esenciais para garantir a calidade da oferta comercial, o abastecemento de proximidade e a conexión directa co territorio. Puxo en valor tamén o seu papel como motores de comercio de atracción e como lugares versátiles e con gran capacidade de adaptación e innovación fronte ás novas tendencias de consumo.

Campaña do Día da Nai do CCA As Travesas

Previamente ao evento no marco de Prato de Mercado, Gabriel Alén e Ana Ortiz asistiron ao acto de inauguración da campaña co gallo do Día da Nai do Centro Comercial Aberto As Travesas, apoiada pola Xunta no marco das axudas a este tipo de entidades, que están dotadas este ano con 2,5 millóns de euros.

O director xeral destacou a iniciativa que deica o próximo domingo 3 de maio premiará a fidelidade da clientela de proximidade, con agasallos por compras superiores a 30 euros no comercio do barrio das Travesas. Recordou que a orde deste 2026 dirixida aos centros comerciais abertos busca reforzar a súa excelencia e capacidade de dinamización a través de accións coma esta, no marco do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/04/2026