A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, participou hoxe nos traballos de plantación, que xa suman ata o momento 3.000 exemplares

A Xunta reforesta as marxes da autovía AG-59 con 5.000 exemplares de árbores frondosas e autóctonas no marco da Estratexia de Estradas Verdes

Os traballos esténdense nunha superficie de 40 hectáreas na AG-59 e nos ramais AG-58 e VG-1.6 e contemplan a eliminación de especies invasoras e pirófitas para reforestar logo o espazo con frondosas, autóctonas e plantas trepadoras

Ata o momento plantáronse xa 3.000 exemplares que inclúen abeleiros, bidueiros, freixos, castiñeiros, carballos e pradairos

Allegue destaca esta actuación, executada en colaboración coa Consellería de Medio Rural, para acadar unha mellora paisaxística e avanzar en estradas máis verdes e sostibles

As árbores plantadas permitirán a absorción de ata 250 toneladas de CO2 nos vindeiros 35 anos

Teo (A Coruña), 22 de abril de 2026

A Xunta reforesta as marxes da autovía AG-59 con 5.000 exemplares de árbores frondosas e autóctonas no marco da Estratexia de Estradas Verdes. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, participou hoxe nos traballos de plantación, que xa suman ata o momento 3.000 exemplares e que contan cun orzamento de máis de 375.000€.

Allegue destacou esta iniciativa da Xunta, que se executa en colaboración coa Consellería de Medio Rural a través de Seaga, para acadar estradas máis verdes e sostibles. A través desta estratexia elimínanse das marxes especies invasoras e pirófitas, e abórdase a plantación de frondosas e autóctonas, que permiten non só a mellora paisaxística, senón tamén avanzar no compromiso medioambiental. Neste senso, as 5.000 árbores que se plantarán permitirán a absorción de ata 250 toneladas de CO2 nos vindeiros 35 anos.

A actuación na AG-59 desenvólvese ao longo de 8km de estrada, cunha superficie de intervención de 40 hectáreas, e incluíu a eliminación de especies invasoras e pirófitas, como poden ser mimosas ou eucaliptos, para a súa substitución coa plantación de especies como abeleiros, bidueiros, freixos, castiñeiros, carballos e pradairos, ademais de plantas trepadoras e rastreiras, como hedras e vincas.

Unha vez finalizada a plantación, o horizonte temporal previsto despois para os traballos de conservación e mantemento é de 4 a 5 anos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/04/2026