Medio Rural demanda máis autonomía ante a nova PAC para que as rexións poidan adaptar os fondos europeos á realidade do seu territorio
Así o reclamou hoxe a conselleira María José Gómez na Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural e no Consello Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios
A titular deste departamento esixiu que se retomen as reunións dos grupos de traballo coas CCAA para seguir avanzando no plan estratéxico da nova PAC
Reclamou tamén máis apoios para favorecer a remuda xeracional e a incorporación de mozos ao agro; ademais de para as explotacións de produción mixta e aquelas que se atopen en Zonas con Limitacións Naturais (ZLN)
Gómez volveu insistir en que solicitou unha reunión presencial co ministro Luis Planas hai máis dun mes para abordar a situación que está a atravesar o sector lácteo por mor da baixada de prezos por parte das industrias na sinatura dos novos contratos
En relación co acordo comercial entre a Unión Europea e Mercosur, a conselleira insistiu na necesidade de que o Goberno central incremente os controis de fronteira e deseñe un Plan específico de control a nivel estatal
Santiago de Compostela, 23 de abril de 2026
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participou hoxe de xeito telemático na Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural e no Consello Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios. Nesta xuntanza volveu incidir na necesidade de que as rexións gocen de máis autonomía ante a nova Política Agraria Común a partir de 2028, para que comunidades como Galicia teñan poder de decisión na xestión e planificación dos fondos europeos do sector agrario, co fin de adaptalos á realidade do noso territorio.
Cabe sinalar que esta demanda estaba xa recollida no acordo de consenso entre a Xunta e as organizacións profesionais agrarias en relación coa futura PAC e que foi remitido tanto ao Goberno central como á Unión Europea. Do mesmo xeito, María José Gómez, esixiu que se retomen as reunións dos grupos de traballo coas comunidades autónomas para seguir avanzando no plan estratéxico da nova PAC.
Nesta liña, por parte do Executivo galego segue e pedirse un cambio na proposta comunitaria para evitar un recorte de fondos e a perda dos dous piares tradicionais, que blindan as achegas directas e os programas de desenvolvemento rural.
Por outra banda, a conselleira reclamou que o Goberno central defenda ante a Unión Europea máis apoios para favorecer a remuda xeracional e a incorporación de mozos ao agro; ademais de para as explotacións de produción mixta e aquelas que se atopen en Zonas con Limitacións Naturais (ZLN).
Sector lácteo
Nesta xuntanza, Gómez volveu insistir en que solicitou unha reunión presencial co ministro Luis Planas hai máis dun mes para abordar a situación que está a atravesar o sector lácteo por mor da baixada de prezos por parte das industrias na sinatura dos novos contratos.
Lembrou que ante esta situación a Consellería do Medio Rural está a revisar os novos contratos para certificar que non hai incumprimentos. De xeito complementario, intensificáronse os controis para vixiar a trazabilidade e a etiquetaxe do leite ante a entrada de cisternas doutros países da Unión Europea. Calquera irregularidade detectada trasladarase á Comisión Galega de Competencia.
Neste contexto, Gómez esixiu a implicación do Goberno central; así como a revisión da Lei da cadea alimentaria e do Paquete Lácteo para protexer aos produtores. Concretamente, solicítase o establecemento dun sistema de cálculo dos custos de produción e a publicación dun índice trimestral. Do mesmo xeito, cómpre garantir que os produtores poidan cubrir os seus custos de produción no caso de acumular máis de tres meses consecutivos de perdas e que poidan rexeitar ofertas por razón de prezo. Demándase tamén establecer a prórroga automática dos contratos en ausencia de acordo.
Tratado comercial entre a UE e Mercosur
En relación co acordo comercial entre a Unión Europea e Mercosur, tal e como se lle ten trasladado xa en varias ocasións ao ministro tanto nestas xuntanzas como por escrito, é necesario que o Goberno central incremente os controis de fronteira e deseñe un Plan específico de control a nivel estatal.