A Xunta enxalza o talento artesán do artista galego Xurxo Oro claro, autor da mostra `Arxila, auga e lume´
Santiago de Compostela, 24 de abril de 2026
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participou hoxe en Santiago de Compostela na inauguración da exposición Arxila, auga e lume, de Xurxo Oro Claro, onde puxo de relevo o talento artesán deste artista que coa súa obra enriquece a marca Galicia e proxéctaa ao mundo. Neste sentido, destacou a súa traxectoria vencellada á escultura e pintura cunha obra representada en varias coleccións de todo o mundo. A isto súmase a súa participación en feiras internacionais de arte contemporánea en Madrid, Lisboa, México, Italia, Alemaña, Grecia e en exposicións colectivas en museos de Croacia, Londres e Brasil, entre outros.
En canto á exposición Arxila, auga e lume, que poderá verse no Salón Atesorado do Colexio de Fonseca ata o 30 de maio, o conselleiro destacou o intenso labor do artista, pois as arredor de 40 pezas de distintos tamaños que a compoñen son resultado de tres anos de traballo nun taller de cerámica de Barcelos, no norte de Portugal. Nela, o autor substitúe o aceiro —material central na súa traxectoria— pola escultura cerámica e a mostra conecta coa cultura material popular e ancestral, especialmente coa tradición galega, tanto desde a artesanía como desde a arqueoloxía.