A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visitou hoxe o Xardín Botánico-Artístico de Padrón, de titularidade municipal, que alberga o exemplar Coroa de Cristo
A Xunta concede axudas por un importe de máis de 72.000 € para executar actuacións de conservación e mellora en 23 árbores e formacións senlleiras
Ángeles Vázquez destaca o esforzo do seu departamento nos últimos anos para apoiar accións de conservación e mellora que axuden a preservar a longo prazo exemplares merecedores de protección pola súa singularidade, historia ou relevancia
No caso de Padrón, explica que se concedeu unha achega por un total de 10.000 € para cubrir ata o 100% do custo das actuacións a realizar sobre dous elementos catalogados: un exemplar de árbore de Xudas e unha formación de plátanos
O Catálogo galego de árbores senlleiras inclúe na actualidade 205 elementos pertencentes a 84 especies, dos cales 57 están localizados na provincia da Coruña
Padrón (A Coruña), 25 de abril de 2026
A Xunta de Galicia concedeu este ano un total de 72.112,15 euros a través da última convocatoria de axudas destinada a sufragar diferentes tipos de intervencións que garantan a conservación e mellora de 23 árbores e formacións senlleiras repartidas pola Comunidade.
Así o anunciou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante a súa visita ao Xardín Botánico-Artístico de Padrón, de titularidade municipal e que alberga catro elementos incluídos no Catálogo galego de árbores senlleiras. Un deles é a Coroa de Cristo, un exemplar de árbore de Xudas ou do amor para o cal o Concello de Padrón recibiu precisamente este ano unha achega da Xunta.
Acompañada pola directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, a conselleira destacou o esforzo realizado polo seu departamento desde a primeira convocatoria desta liña de subvencións, no ano 2010, co fin de facilitar a execución de actuacións de conservación, protección e mellora que garantan que se poida seguir desfrutando deste tipo de elementos a longo prazo.
Neste sentido, lembrou que todas as árbores e formacións merecedoras desta catalogación destacan pola súa singularidade e por presentar unha serie de características excepcionais desde o punto de vista histórico-cultural, paisaxístico, estético ou científico.
Entre as intervencións subvencionables a través desta orde de axudas autonómica —dirixida tanto a concellos ou agrupacións locais como a particulares e entidades propietarias dalgún destes elementos e coas que poden cubrir ata o 100% dos custos— inclúense podas, traballos de formación e control da copa; aplicación de tratamentos fitosanitarios; accións encamiñadas á conservación e mellora do entorno; actuacións de divulgación e sinalización, e a realización de estudos específicos para contribuír ao seu coñecemento e posta en valor.
No caso de Padrón, recordou que o municipio conta con sete elementos incluídos actualmente no Catálogo: catro deles no Xardín Botánico-Artístico e outros tres (dúas árbores e unha formación) localizados noutros puntos do termo municipal. Neste sentido, Ángeles Vázquez explicou que no marco da convocatoria de axudas do ano 2026, o Concello padronés resultou beneficiario dunha axuda por un importe global de 10.000 euros destinada a intervir na formación catalogada como Plátanos de Sombra do Paseo do Espolón e na xa mencionada Coroa de Cristo.
Concretamente e con relación ao exemplar que visitou hoxe a conselleira, trátase dunha árbore pertencente á especie Cercis siliquastrum L., de 1,6 metros de altura e cuxa característica principal é que presenta unha estrutura totalmente modificada, xa que se ramifica case desde o chan en grosas ramas que foron dirixidas para adoptar forma circular e, co paso dos anos, formou unha especie de niño xigante, asemellándose a unha enorme coroa de espiñas da que toma, precisamente, o seu nome.
Ferramenta aberta a actualizacións
O Catálogo galego de árbores senlleiras é unha ferramenta aberta e en constante actualización, polo que poden propoñer a inclusión de elementos novos tanto os seus propietarios, como administracións, centros de investigación ou asociacións e entidades privadas ou públicas que teñan entre os seus fins estatutarios a protección da natureza.
De feito, desde a aprobación do seu regulamento no ano 2007, foi obxecto xa de diversas revisións e periodicamente sométense a información pública novas propostas para valorar a posible incorporación de exemplares con valores salientables. Na actualidade, forman parte do Catálogo un total de 205 elementos —157 exemplares e 48 formacións arbóreas— pertencentes a 84 especies diferentes e dos cales 57 están localizados na provincia da Coruña.
|
PROVINCIA |
ÁRBORES |
FORMACIÓNS |
TOTAL |
|
A Coruña |
43 |
14 |
57 |
|
Lugo |
36 |
7 |
43 |
|
Ourense |
23 |
6 |
29 |
|
Pontevedra |
55 |
21 |
76 |
|
Total |
157 |
48 |
205 |