A Xunta presenta en Lugo a campaña ‘Merca no teu comercio 2026’ para promover as vendas de proximidade co foco posto nos barrios e nos concellos do rural
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participaron hoxe na presentación da iniciativa, enmarcada na colaboración autonómica coa Federación Galega de Comercio
A edición deste ano contempla entre maio e outubro 40 campañas de dinamización de 15 días de duración cada unha delas, correspondendo 10 a cada provincia
As primeiras serán entre o 1 e o 15 de maio nas localidades coruñesas da Pobra do Caramiñal e Porto do Son; nas lucenses de Taboada, Palas de Rei, Monterroso e Antas de Ulla; nas pontevedresas de Mos, Gondomar e Nigrán; e no barrio ourensán do Couto
En cada unha das campañas sortearanse 1.000 euros distribuídos en 20 tarxetas prepago de 50 euros canxeables nos comercios minoristas dos respectivos concellos
Lugo, 27 de abril de 2026
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou hoxe na presentación da campaña Merca no teu comercio 2026, posta en marcha pola Xunta e pola Federación Galega de Comercio para estimular a demanda e poñer en valor o comercio de proximidade, especialmente nos municipios rurais galegos e nos barrios sen asociación comercial. No acto tamén estivo presente o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas.
A iniciativa desenvolverase nas catro provincias galegas con 10 campañas de 15 días de duración en cada unha delas, que rematarán coas correspondentes entregas de premios. As accións de dinamización realizaranse entre os meses de maio e outubro e enmárcanse no convenio entre a Xunta e a Federación Galega de Comercio para avanzar na innovación e dinamización do sector.
As persoas consumidoras da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra que queiran participar na iniciativa deberán rexistrar a súa compra a través da páxina web www.mercanoteucomercio.com. Tamén poderá ser rexistrada polo comerciante na mesma plataforma, duplicando deste xeito a participación do consumidor e incrementando as posibilidades de gañar unha das 20 tarxetas prepago por valor de 50 euros que se sortearán en cada unha das campañas. Unhas tarxetas que logo poderán ser canxeadas nos establecementos comerciais das respectivas localidades.
Primeiras campañas
Durante a presentación da campaña, o director xeral de Comercio e Consumo salientou a importancia de accións coma esta para impulsar a actividade comercial e asegurar o futuro dos negocios promovendo a remuda xeracional. Concretou que as primeiras campañas da iniciativa se desenvolverán entre o 1 e o 15 de maio nas localidades coruñesas da Pobra do Caramiñal e Porto do Son; nas lucenses de Taboada, Palas de Rei, Monterroso e Antas de Ulla; nas pontevedresas de Mos, Gondomar e Nigrán e no barrio ourensán do Couto. Nestes casos, os sorteos de tarxetas prepago terán lugar o 18 de maio e as entregas de premios serán a final de mes.