Medio Rural destina 360.000 euros para apoiar os programas de mellora e control da calidade dos consellos reguladores

O obxectivo destas achegas é que os consellos reguladores poidan manter o elevado nivel de rigorosidade necesario na realización das súas tarefas de control, clave para garantir a reputación dos distintivos de calidade existentes na comunidade

Poderán ser obxecto das axudas as actuacións encamiñadas ao desenvolvemento deste tipo programas

Tamén serán subvencionables os gastos orixinados pola participación do persoal do consello regulador na execución destas tarefas, incluídas as nóminas e os gastos de desprazamento, manutención e aloxamento destes traballadores

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2026

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a financiar os programas de mellora e control da calidade que desenvolven os consellos reguladores das denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas galegas, que contan cun orzamento de 360.000 euros.

O obxectivo destas achegas é que os consellos reguladores poidan manter o elevado nivel de rigorosidade necesario na realización das súas tarefas de control, clave para garantir a reputación dos distintivos de calidade existentes na comunidade.

Deste xeito, poderán ser obxecto das axudas as actuacións encamiñadas ao desenvolvemento deste tipo programas. Teranse en conta, ademais, os estudos, as investigacións e o desenvolvemento de programas para a mellora da calidade dos produtos obxecto de protección ou os gastos relacionados coa acreditación do consello regulador como entidade certificadora e para o seu mantemento.

Tamén serán subvencionables os gastos operativos e redistributivos orixinados pola participación do persoal do consello regulador na execución destas tarefas, incluídas as nóminas e os gastos de desprazamento, manutención e aloxamento destes traballadores. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes a partir de mañá.

Data de actualización: 28/04/2026