A Casa de Galicia en Madrid presenta o novo libro de Branca Vilela ‘Ultreia no Camiño Inglés’
Madrid, 28 de abril de 2026
A Casa de Galicia en Madrid acolleu esta tarde a presentación do libro Ultreia no Camiño Inglés: A misión do Ara Solis, da escritora Branca Vilela, unha novela xuvenil bilingüe en galego e castelán que convida a percorrer o Camiño de Santiago a través da ficción.
O director da Casa de Galicia, Luis E. Ramos, durante a súa intervención salientou que o Camiño de Santiago “é historia, é cultura, é riqueza de Galicia e patrimonio da Humanidade”, subliñando a súa relevancia como un dos principais elementos de proxección internacional da comunidade.
Ramos referiuse tamén á proximidade do vindeiro Ano Santo, sinalando que a Xunta de Galicia traballa xa nun Xacobeo 2027 que aspira a ser “histórico”, cunha programación cultural destacada e melloras en infraestruturas, sinalización e rede de albergues, en coordinación con distintas administracións e entidades.
Na presentación participaron, xunto á autora, o escritor e músico Vicente Araguas e a directora adxunta do grupo editorial Sial Pigmalión, Raquel Delgado, quen ofreceron ao público unha aproximación a esta obra ambientada no Camiño Inglés.
Branca Vilela, natural de Fisterra (A Coruña), conta cunha traxectoria literaria recoñecida desde os seus inicios, especialmente no ámbito da poesía, e presenta nesta ocasión unha proposta narrativa que combina aventura, identidade e patrimonio.
O acto enmárcase na programación cultural da Casa de Galicia en Madrid, que continúa promovendo a difusión da cultura galega a través de encontros literarios, exposicións e actividades abertas ao público.