O Plan Integrado de Emprego da Xunta permite a formación e inserción laboral dunha centena de persoas a través da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade
Esta iniciativa conta cun orzamento de preto e 150.000 euros e terá unha duración de 12 meses
O delegado territorial agradeceu o importante labor da confederación e lembrou o compromiso da Xunta coa inserción laboral das persoas con discapacidade
Pontevedra, 29 de abril de 2026
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade con motivo do desenvolvemento do seu Plan Integrado de Emprego (PIE), unha iniciativa orientada á mellora da empregabilidade das persoas participantes.
Este programa, cunha duración de 12 meses, está financiado pola Xunta de Galicia e permite o seguimento individualizado e a formación dun grupo de 100 persoas desempregadas con discapacidade, co obxectivo de facilitar a súa inserción no mercado laboral, especialmente no caso de colectivos con maiores dificultades de acceso ao emprego. Esta iniciativa é posible grazas a un investimento da Xunta de preto de 150.000 euros.
Durante a visita, o delegado territorial puxo en valor “o compromiso e a implicación da entidade no desenvolvemento de políticas activas de emprego, contribuíndo a xerar oportunidades reais para as persoas con discapacidade”.
Neste sentido, destacou tamén os resultados acadados en toda Galicia dende a creación deste programa subliñando os millares de participantes que conseguiron acceder a un posto de traballo grazas a esta iniciativa, o que evidencia a eficacia deste tipo de medidas.
Agustín Reguera aproveitou a ocasión para agradecer “o esforzo da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, así como a colaboración do tecido empresarial, fundamental para acadar os obxectivos de inserción laboral”.
Cabe lembrar que, en Galicia, a convocatoria de 2025 contou cun orzamento máis de 11,5 M€ , o que permitiu a posta en marcha máis de medio cento de Programas Integrados de Emprego durante un período de 12 meses, beneficiando a unhas 5.500 persoas en toda a comunidade.